Infraestruturas elabora o Plan de Tráfico para a reparación do colector en Ronda das Fontiñas e Carril dos Indios
As actuacións comezarán o vindeiro luns 23 de marzo e prolongaranse durante aproximadamente 10 días, afectando á circulación na zona
O dispositivo inclúe restricións de tráfico, modificacións de itinerarios e sinalización específica para garantir a seguridade viaria
Lugo, 20 de marzo de 2026. A concellería de Infraestruturas Urbanas vén de elaborar o Plan de Tráfico específico con motivo das obras de reparación do colector na intersección de Ronda das Fontiñas con Carril dos Indios, unha actuación necesaria para mellorar a rede de abastecemento e saneamento da cidade.
Os traballos, promovidos no marco do servizo municipal de mantemento da rede de augas, comezarán o luns 23 de marzo e terán unha duración estimada de 10 días, desenvolvéndose en dúas fases diferenciadas que implicarán diversas afeccións ao tráfico rodado.
Durante todo o período das obras será necesario restrinxir a circulación nos carrís de Ronda das Fontiñas en dirección á rúa San Eufrasio na zona da intersección, mantendo en todo momento o acceso aos garaxes das vivendas afectadas. Así mesmo, limitarase o estacionamento nun tramo comprendido entre os números 62 e 96 da mesma vía.
Na primeira fase habilitarase un sistema de dobre sentido de circulación nun tramo concreto mediante a adaptación dos carrís e a correspondente sinalización, mentres que na segunda fase, debido á maior ocupación da calzada, o tráfico xeral será desviado por itinerarios alternativos a través de Carril do Xuízo, rúa Ramón Montenegro, rúa Primavera e Carril das Flores. O paso de autobuses urbanos estará garantido en todo momento con apoio de persoal sinalista.
O Concello instalará sinalización circunstancial e informativa nas vías afectadas e nas súas contornas, incluíndo limitacións de velocidade, advertencias por obras e indicacións de desvíos, co obxectivo de garantir a seguridade tanto de condutores como de peóns.
Ademais, asegurarase en todo momento o tránsito peonil mediante itinerarios alternativos accesibles, prestando especial atención ás persoas con mobilidade reducida. No caso de afeccións puntuais aos accesos a garaxes, informarase á veciñanza cun mínimo de 48 horas de antelación.
A Policía Local será informada previamente do inicio das actuacións e coordinará, xunto cos servizos implicados, o control do tráfico e o cumprimento das restricións establecidas, así como a comunicación cos servizos de emerxencia e transporte público.
Con este plan, o Goberno de Lugo busca compatibilizar a execución dunha actuación necesaria para a mellora das infraestruturas coa minimización das molestias á cidadanía e a garantía da seguridade viaria.

