Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 05 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

A Policía Local de Lugo desenvolveu nos últimos días diversas actuacións en materia de seguridade viaria no marco dos dispositivos ordinarios de control e vixilancia do tráfico nas rúas da cidade. Estas intervencións permitiron detectar múltiples condutas de risco relacionadas co consumo de alcohol ao volante, así como outras infraccións que poden comprometer a seguridade dos usuarios da vía pública, polo que os axentes procederon á tramitación das correspondentes denuncias administrativas e á instrución de dilixencias penais nos casos máis graves.

No ámbito das alcoholemias administrativas, os controis realizados en distintos puntos da cidade permitiron detectar varios condutores que superaban a taxa máxima permitida. Na Rolda da Muralla, unha condutora foi interceptada tras circular facendo zigzag e arroxou un resultado de 0,48 e 0,42 mg/l. Na Praza do Rei, un condutor con signos externos de inxesta de alcohol deu 0,63 e 0,58 mg/l e, ademais, comprobouse que o vehículo carecía de seguro obrigatorio. No mesmo punto foi detectado outro condutor con síntomas de consumo que arroxou 0,35 e 0,35 mg/l, así como un terceiro con resultados de 0,55 e 0,55 mg/l.

Na Rolda das Fontiñas, unha condutora tratou de estacionar varios metros antes dun control policial, circunstancia que chamou a atención dos axentes polas dificultades que presentaba na manobra e polos signos externos de consumo, obtendo un resultado de 0,42 e 0,36 mg/l. Na Avenida da Coruña foi interceptado outro condutor que circulaba en zigzag, con taxas de 0,51 e 0,46 mg/l, mentres que na Praza de Avilés un vehículo que presentaba unha circulación errática deu como resultado 0,46 e 0,40 mg/l.

Tamén na rúa Tino Grandío os axentes observaron como o condutor dun vehículo de mobilidade persoal (patinete eléctrico) facía caso omiso á luz vermella dun semáforo. Ao ser sometido á proba de alcoholemia arroxou 0,68 e 0,62 mg/l. Durante a identificación, o home mostrou inicialmente unha fotografía dun documento nacional de identidade no teléfono móbil que non ofrecía credibilidade aos axentes e posteriormente presentou un pasaporte cunha filiación distinta. Por este motivo foi trasladado a dependencias policiais, onde se procedeu á incautación do documento e ao inicio das investigacións para determinar a súa autenticidade e a posible existencia dun presunto delito de usurpación de estado civil.

No relativo ás alcoholemias penais, os axentes instruíron varias dilixencias por presuntos delitos contra a seguridade viaria. Na rúa Gardas, un condutor foi detectado por unha patrulla da Policía Nacional tras saltarse un semáforo en vermello e circular un tramo en sentido contrario, arroxando un resultado de 0,87 e 0,74 mg/l. Na Rolda das Fontiñas, outro condutor fixo caso omiso ás sinais de alto realizadas por un axente nun filtro de documentación, iniciándose unha persecución ata localizar o vehículo na rúa Rei Don García e ao seu condutor a pé nunha rúa próxima. O home negou inicialmente a súa relación co turismo, aínda que portaba as chaves. As probas de alcoholemia deron 0,84 e 0,83 mg/l, polo que se instruíron dilixencias. Ademais, foi denunciado administrativamente por non ter realizado o curso de reeducación viaria ao que estaba obrigado tras unha suspensión do permiso de condución.

Na Rolda da Muralla, unha patrulla da Policía Nacional advertiu a condución errática doutro vehículo e solicitou a intervención da Unidade de Atestados, comprobándose que o condutor arroxaba 0,81 e 0,85 mg/l. Na Avenida de Magoi tamén se instruíron dilixencias contra unha condutora que fora observada circulando de maneira irregular por varias vías da cidade e que deu un resultado de 0,71 e 0,66 mg/l.

Por outra banda, axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio localizaron na rúa Comunicacións un turismo que levaba a placa de matrícula dianteira situada nun emprazamento distinto ao legalmente establecido. Tras deter o vehículo, comprobaron que presentaba diversas reformas e deficiencias que podían comprometer a seguridade viaria, polo que foi trasladado a unha estación de ITV para unha inspección extraordinaria. O persoal técnico detectou 12 infraccións, oito delas de carácter grave e relacionadas con elementos como o campo de visión, o sistema de iluminación, as emisións contaminantes ou os ancoraxes do motor, polo que o vehículo quedou inhabilitado para circular por vía pública, agás para o seu traslado a taller ou a unha nova inspección. Ademais, o condutor presentou documentación que acreditaba unha inspección favorable realizada o día anterior nunha estación situada fóra da cidade de Lugo, polo que, ante a posible existencia de irregularidades, púxose o feito en coñecemento da Consellería de Industria.

Finalmente, no marco dun dispositivo de vixilancia desenvolvido nas inmediacións do Hospital Universitario Lucus Augusti, os axentes identificaron e denunciaron a dúas persoas que se introducían na calzada para indicar aos condutores os espazos libres de estacionamento, unha práctica coñecida como “gorrillas”, que supón un risco tanto para a súa propia integridade como para a do resto de usuarios da vía.

Noticias relacionadas