O alcalde lamenta que os orzamentos autonómicos para 2026 cheguen cheos de carencias, proxectos sen executar e promesas repetidas ano tras ano.
O rexedor considera iandmible que proxectos como o do Sagrado Corazón, a conexión do polígono das Gándaras coa A-6, a recuperación do barrio da Tinería, o cuartel de San Fernando ou os servizos sociais non conten cun finacimanento a altura das necesidades.
“Lugo merece respecto, merece investimento e merece feitos, non titulares nin anuncios que se esvaecen co tempo”, subliñou Fernández.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, valorou hoxe de forma moi crítica o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026, ao considerar que “o ritmo de investimento autonómico pretende someter a Lugo a un letargo económico e social, mantendo á nosa cidade nunha situación de desigualdade con respecto a outros territorios galegos”.
Segundo explicou o rexedor, “de momento só coñecemos a información a través dos medios, pero o panorama inicial é desalentador: uns orzamentos con carencias evidentes e moitas promesas que, ano tras ano, quedan sen cumprir”.
“Non é só o que falta nas contas, senón o que se anuncia e logo non se executa. O anuncio dos orzamentos da Xunta converteuse nun acto de marketing político, cheo de titulares e boas palabras, pero con poucos feitos reais detrás. Cando falamos de investimento en Lugo, entre o dito e o feito segue habendo un gran treito”, afirmou Fernández.
Infraestruturas: proxectos clave esquecidos e investimentos mínimos
En materia de infraestruturas, o alcalde lamentou a falta dunha aposta clara e contundente por obras de valor estratéxico para o municipio, como o enlace de conexión entre o parque empresarial das Gándaras e a A-6, unha infraestrutura reclamada polo tecido empresarial lucense e necesaria para mellorar as comunicacións dos polígonos industriais coa rede de autovías.
Fernández tamén cualificou de “inxustificable” a escasa dotación para o desdobramento do corredor Lugo–Sarria, que apenas conta con 5 millóns de euros fronte a un investimento total superior aos 37 millóns. “Este proxecto xa debería estar rematado, e a Xunta leva máis dunha década de atraso. Falar de 2028 como horizonte é un insulto á cidadanía, sobre todo cando o propio presidente Rueda prometeu celeridade”, asegurou.
O rexedor tamén chamou a atención sobre a inclusión en contas autonómicas de proxectos socialmente cuestionados, que seguen aparecendo “sen estudo nin proxecto definido, coma se fosen un copia e pega de anos anteriores”. Neste sentido, puxo como exemplo a Rolda Este, para a que a Xunta presupostou máis de 15 millóns nos últimos exercicios sen executar nin un só euro. m“A realidade é que nin sequera foron capaces de presentar un trazado alternativo viable. Mentres tanto, proxectos prioritarios para Lugo seguen durmindo nun caixón”, denunciou Fernández.
Patrimonio e cultura: desinterese polo Museo da Romanización e A Tinería
O alcalde lamentou tamén a ausencia dunha aposta real polo barrio da Tinería, para o que “non se prevén investimentos capaces de recuperar o tempo perdido”. En canto ao Museo da Romanización, cualificou de “ridículo” o compromiso da Xunta, que só destina 500.000 euros a un proxecto que leva anos de demora.
“Falamos dun proxecto fundamental para dar visibilidade ás máis de 15.000 pezas arqueolóxicas descubertas en Lugo nas últimas décadas, moitas das cales permanecen dispersas e sen poder ser divulgadas. É un agravio sen precedentes que a Xunta anuncie máis de 17 millóns para o Pazo de Lourizán, mentres bota balóns fóra co Museo da Romanización”, lamentou o rexedor.
Sanidade: ausencia total de investimento para o novo centro de saúde do Sagrado Corazón
Fernández considerou especialmente grave que os orzamentos non inclúan nin un euro para a construción do novo centro de saúde do Sagrado Corazón, a pesar de que o Goberno autonómico está informado de que disporá da parcela antes de final de ano.
“Non só non hai fondos para o centro de saúde, é que nin sequera se contempla a demolición do edificio existente. A saúde dos veciños de Lugo non pode depender da vontade política nin da falta de dilixencia dunha Xunta que chega tarde e mal”, subliñou. Nada sebemos tampouco do centro para persoas con Alxehimer anunciado anmo tars ano no antifuo hospitald e Calde.
Servizos sociais: un déficit que se cronifica
Por último, o alcalde advertiu de que en materia social a situación é igual de preocupante.
“Un ano máis seguiremos arrastrando déficits históricos que afectan a cuestións vitais como a atención sanitaria, a tramitación das axudas á dependencia ou a cobertura ás persoas maiores”, indicou Fernández.
“A Xunta segue sen dotar a Lugo dos recursos económicos necesarios para poñer remedio a esta situación. E será o Concello, de novo, quen teña que asumir competencias impropias con recursos propios pola falta de investimento autonómico. Iso constata a falta de compromiso social dun goberno que, unha e outra vez, se inhibe das súas responsabilidades”, engadiu.
Fernández concluíu asegurando que o Concello de Lugo seguirá defendendo con firmeza os intereses da cidade e da súa veciñanza, e insistiu en reclamar á Xunta “máis investimento, máis compromiso e máis respecto”. “Lugo merece feitos, non titulares. E cando falamos do investimento da Xunta en Lugo, entre o dito e o feito segue habendo un gran treito. Non podemos resignarnos a un letargo imposto pola falta de vontade política. Lugo necesita planificación, investimentos reais e proxectos que se executen, non anuncios que se esvaecen ano tras ano”, concluíu o alcalde.
Audio
- O alcade de Lugo, Miguel Fernández, sobre a valoración dos orzamentos da Xunta | Descargar mp3

