Miguel Fernández: “Coa permuta de parcelas de hoxe garantimos a distribución de VPO por toda a trama urbana”

O alcalde agarda que “a Xunta acelere o ritmo de construción de vivenda pública en Lugo, unha cidade na que houbo unha clara parálise neste eido nos últimos 15 anos”.
 
Para o rexedor municipal “o feito de que haxa máis de 2.000 persoas inscritas como demandantes de vivenda protexida é unha sinal evidente das necesidades de Lugo”.
 
O rexedor aproveitou para pedir á Xunta non perder de vista as oportunidades para Lugo e avanzar nas rehabilitacións comprometidas para outras zonas, como na Tinería.
Mércores, 28 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández: “Coa permuta de parcelas de hoxe garantimos a distribución de VPO por toda a trama urbana”

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinou hoxe a permuta de parcelas entre o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia, coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que “permitirá avanzar na construcción de vivenda pública e reverter unha situación de parálise nos últimos 15 anos, ao tempo que garantimos a distribución de VPO por toda a trama urbana, evitando a concentración nos mesmos barrios”. Para iso, o Concello cedeu ao Goberno autonómico seis parcelas en distintos barrios da cidade, como son Paradai de Arriba, A Piringalla e Montirón, e a cambio recibe dúas parcelas do Castiñeiro, que segundo explico o propio alcalde “serán destinadas a usos sociais e en beneficio dos e das lucenses con proxectos nos que xa estamos a traballar”.

Sobre o avance que se produce coa permuta destas parcelas en materia de vivenda protexida, Miguel Fernández destacou que “é froito da colaboración entre administracións, algo que como estamos a ver é crucial para acadar proxectos estratéxicos para a nosa cidade”, polo que lembrou que “xa dixen en varias ocasións e recentemente comuniquei tamén por carta ao presidente da Xunta a necesidade de reunirnos, de colaborar e traballar conxuntamente para progresar en temas e demandas esenciais para Lugo”.

O alcalde, que estivo acompañado do concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, do director xeral desta área e de técnicos municipais, insistiu en que “esta colaboración vai permitir que a Xunta reverta o grave déficit de vivenda pública que sufrimos na nosa cidade, tras 15 anos de parálise, e que responda á demanda entre os sectores con menos capacidade económica, como a mocidade”. Fixo fincapé nesta necesidade ao lembrar que “o feito de que haxa máis de 2.000 persoas inscritas como demandantes de vivenda protexida é unha sinal evidente das necesidades de Lugo, polo que non chega soamente con anuncios senón que é crucial aportar solucións inmediatas con medidas complementarias para que esta lista de demandantes de vivenda pública descenda”.

Por último, o rexedor municipal insistiu en que “desde o Concello de Lugo imos seguir coa man tendida para avanzar neste e noutros proxectos, pero pedimos á Xunta que non perda de vista as posibilidades que ten Lugo e os plans aos que se pode acoller, para non perder máis oportunidades e en especial en materia de vivenda pública”. Desde o departamento de Urbanismo se está a axilizar a concesión de licencias, a axilizar os trámites administrativos para favorecer a construción de novas promocións de pisos e a execución de obras en Lugo, tanto novas como reformas; por iso, tamén reclamou á Xunta de Galicia avanzar nas rehabilitacións comprometidas para outras zonas, como nas do barrio da Tinería.

Multimedia

  • Miguel Fernández: “Coa permuta de parcelas de hoxe garantimos a distribución de VPO por toda a trama urbana”
  • Miguel Fernández: “Coa permuta de parcelas de hoxe garantimos a distribución de VPO por toda a trama urbana”
  • Miguel Fernández: “Coa permuta de parcelas de hoxe garantimos a distribución de VPO por toda a trama urbana”

Noticias relacionadas