A brigada de limpeza, que acudiu ao poboado ata en 9 ocasións nos últimos meses, precisou dun reforzo das dotacións para baleirar os terreos de refugallos
O edil Álvaro Santos fai un chamamento á cidadanía para que dea traslado ao Concello se detecta descargas na zona co fin de sancionar aos infractores
- Tema

Persoal do servizo municipal de limpeza acudiu ao Carqueixo para retirar 2.540 kilos de lixo como pneumáticos, entullo, mobles ou persianas entre outros enseres abadonados na contorna recentemente e de forma ilegal.
Esta é xa a novena vez, nos últimos meses, que a área de Medio Ambiente envía un operativo similar ao poboado para proceder á eliminación de refugallos que, no seu conxunto, alcanzan as 70 toneladas.
O edil Álvaro Santos sinala que “cada un destas xornadas, Urbaser manda un camión de caixa aberta con pluma e un tractor, ademais dun condutor, un peón e un maquinista para poder separar a gran cantidade de residuos que se arroxan á zona, fundamentalmente material procedente da construción pero, nesta ocasión, tamén colchóns, sofás e mesmo unha lavadora”.
O concelleiro indicou que, segundo os informes trasladados, a empresa concesionaria, alén de realizar outras recollidas puntuais e periódicas, non só limpou este vertedoiro senón tamén outros situados nos arredores do poboado, no Monte de Santa María de Bóveda e mesmo algún predio afectado.
“O Concello de Lugo actúa á maior brevidade posible cada vez que temos coñecemento de que se están a orixinar estas acumulacións incontroladas, polo que instamos á veciñanza a que, se ten coñecemento delas, nolo faga chegar ben a través do 010, ben mediante a aplicación Liña Verde, para poder atallalas”, solicitou o responsable de Medio Ambiente.
“E – matizou – tendo en conta, ademais, os obxectos que se depositan, todo indica que obedecen a descargas de tipo industrial, que se suceden de maneira periódica e indiscriminada, para desfacerse deles evitando o custo que esta operación lles carrexaría se os deixaran nos puntos habilitados para a súa recollida. Polo que queremos facer un dobre chamamento por unha banda ao civismo pero, pola outra, tamén á colaboración cidadá para que, cando detecten algún movemento na zona nos avisen e poder enviar inmediatamente á Policía Local a sancionar aos infractores”, concluíu Santos Ramos.
Audio
- O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre a nova limpeza no Carqueixo | Descargar mp3