Lugo reúne mañá a máis de 130 nadadores e nadadoras na súa travesía a nado Minivs

Miguel Fernández e Fernando Timiraos presentaron a sexta edición desta cita, enmarcada no circuíto galego de augas abertas.

Venres, 27 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo reúne mañá a máis de 130 nadadores e nadadoras na súa travesía a nado Minivs

Miguel Fernández e Fernando Timiraos presentaron a sexta edición desta cita, enmarcada no circuíto galego de augas abertas.

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, e o Presidente do Club Natación PortaMiñá Lugo, Fernando Timiraos, presentaron este venres, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a VI Travesía a Nado do Miño Cidade de Lugo, que se celebrará mañá sábado, 28 de xullo, nas instalación dos Robles. Esta proba, organizada polo Concello e o club PortaMiñá, conta ademais coa colaboración da Deputación de Lugo dentro da súa aposta decidida pola promoción do deporte así como outras entidades privadas.

No acto, Fernández puxo en valor o compromiso do Goberno para impulsar este tipo de citas, "que non só contribúen a enxalzar unha modalidade deportiva senón que serven para dar a coñecer a nosa cidade e poñela no calendario deportivo a nivel nacional". Así mesmo quixo enxalzar a contorna privilexiada pola que discorre este proba, "moi agardada polas persoas afeccionadas ano tras ano": as augas do Río Miño ao seu paso por Lugo, ao tempo que puxo en valor o traballo que realiza non só nesta proba, senón ao longo de toda a tempada deportiva o club organizador.

Timiraos, quen agradeceu o apoio do Concello a este evento, deu a coñecer os pormenores da proba, que arrincará ás 11:00 horas coa saída da travesía popular, sen carácter competitivo, baixo unha distancia de 400 metros. Ás 11:30 horas sairán as persoas participantes da distancia de 1.500 metros, deixando para as 12:30 horas a proba raíña, a denominada, pola organización, Minivs, cunha distancia de 4000 metros, e enmarcada no circuíto galego de augas abertas, competición na que están 15 travesías galegas.O número total de persoas inscritas supera as 130 e na travesía participarán, do mesmo xeito que o ano pasado, campións de España e Portugal.

Fernández e Timiraos coincidiron en animar á cidadanía a acudir e gozar con esta xornada diferente, "de deporte e de natureza".

Multimedia

  • Lugo reúne mañá a máis de 130 nadadores e nadadoras na súa travesía a nado Minivs

Noticias relacionadas