Lugo, a mellor expresión de convivencia do urbano co rural

Daniel Piñeiro recibiu a un grupo de 40 alumnos do Grao de Socioloxía da Universidade da Coruña, que realizaron unha visita urbanística por Lugo para estudar o seu tecido urbano e a distribución dos diferentes tipos de espazo

Venres, 15 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, a mellor expresión de convivencia do urbano co rural

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, recibiu no Salón de Plenos a un grupo de 40 alumnos da materia de Socioloxía Urbana e Ordenación do Territorio do Grao de Socioloxía da Universidade da Coruña, que viñan acompañados por un profesor e dun equipo de arquitectos, e que realizaron unha visita urbanística por Lugo. Trátase dun achegamento á cidade para que os alumnos estuden o tecido urbano así como a distribución de actividades ou os diferentes tipos de espazo, físicos ou simbólicos.

Durante a recepción, na que tamén estiveron presentes varios técnicos municipais, Piñeiro deulles a coñecer aos estudantes os eixos da política urbanística do Concello, así como o xeito no que o Goberno entende a cidade, que debe convivir en harmonía co rural. Do mesmo xeito o edil insistiu na crise como unha oportunidade para repensar o urbanismo, que non pasa por expandir o desenvolvemento senón por crear cidade ocupando ocos baleiros e apostando por rehabilitación.

Os alumnos realizaron unha pequena volta en bus para coñecer a envergadura, ubicación e partes de Lugo. Posteriormente, achegarónse ao Museo Interactivo da Historia (MIHL) para afondar na comprensión global da cidade coas maquetas. Realizaron ademais unha ruta pola cidade, pola muralla, polo campus e por algunha das parroquias do rural lugués.

Tras a visita, o profesor Docampo subliñou a excepcionalidade que estrutura o desenvolvemento urbano da cidade, que xira en torno a un eixo, a Muralla. Subliñou ademais que Lugo é unha cidade contida en canto ao crecemento colindante coa cidade compacta tradicional se refire, pois presenta pouco desorde. Neste senso, definiu a Lugo como a mellor expresión de convivencia do urbano co rural, un elemento que lle aporta personalidade especial á cidade, pois compaxina á perfección o pasado máis o futuro. Docampo tamén aproveitou a visita para destacar a importancia do proxecto Lugo+Biodinámico e para poñer en valor a calidade do espazo verde do Rato.

Noticias relacionadas