López Orozco defende que coa declaración de BIC da finca do Garañón o Parque de Rosalía podería aumentar a súa extensión

Mércores, 04 de novembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, defendeu hoxe que de declararse BIC a Finca do Garañón, a edificación desaparecería para dar continuidade ao Parque de Rosalía e aumentar así a súa extensión. López Orozco pediulle ao PP local que traballe, como o fai o Executivo Local, co fin de que a Xunta declare BIC o Parque e pague as indemnizacións correspondentes.

López Orozco recordou que existe un acordo de Pleno no que todos os grupos aceptaron seguir traballando para alcanzar unha proposta que permita solucionar o problema da finca do Garañón. Así, destacou que o Concello de Lugo traballa de cara a presentar unha proposta que cumpra a lei e non supoña custo para os veciños da cidade.

O Alcalde de Lugo expresou a súa sorpresa porque sexa agora o Partido Popular o que “teme” que o Parque de Rosalía sexa declarado BIC cando viñan apoiando a iniciativa de xeito continuado.

Así mesmo, López Orozco afirmou que os veciños de Lugo non van ser “castigados” de novo polas decisións de alcaldes anteriores. Así o destacou en relación cos 600 millóns de euros que o Executivo Local tivo que pagar por unha decisión tomada no seu día por outro alcalde e que resultou sancionada.

Na súa intervención, recordou así mesmo, que se o PP non tivese aprobado o Plan Xeral as torres non existirían e incidiu en que o grupo de Goberno actual votou en contra da súa aprobación, ao tempo que conseguiu rebaixar en máis dun 25% a edificabilidade da zona.

O abrazo, un capricho
En relación coa petición do abrazo á Muralla realizado polo Partido Popular, o Alcalde de Lugo explicou que o ano próximo será o ano no que se conmemore a declaración da Muralla como Patrimonio Mundial. Así, explicou que lle propuxo ao PP trasladar a súa proposta de abrazo e encadrala no marco dos actos globais do ano próximo.

López Orozco explicou que o Concello lle dedicará o ano á Muralla para o que o Executivo realizará diferentes actos no que se pode enmarcar o abrazo que pide o PP. De non poder esperar, expuxo, “parecería que o PP ten un capricho, máis propio dun neno pequeno que dun adulto”.

Así mesmo, animou ao PP a “pedirlle financiamento á Xunta para apoiar os actos e así poder organizalos ben e que non sexan froito de caprichos”. “Traballo e máis traballo fronte aos caprichos”, concluíu.

Noticias relacionadas