As licenzas urbanísticas protagonizan a Xunta de Goberno desta semana

Mércores, 05 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As licenzas urbanísticas protagonizan a Xunta de Goberno desta semana

Cinco asuntos de índole urbanística protagonizaron a Xunta de Goberno desta semana.

Entre as licenzas outorgadas polo executivo local figura unha para a construción dun edificio composto por planta baixa para garaxe e rochos e tres plantas máis ático que acollerá tres vivendas en Yáñez Rebolo. A intervención, que esixe o derrubo da edificación existente, dispón dun orzamento de 228.700 euros e dun prazo de execución de 30 meses.

Por outra banda, aprobáronse sendas solicitudes para proceder á instalación dun ascensor nun inmoble residencial na rúa Ramón Montenegro, por un importe de 51.488’69€ e para cambiar de ubicación unha fosa de xurro nunha explotación gandeira da parroquia de San Martiño de Piñeiro. Ámbalas dúas obras terán que desenvolverse, como máximo, en ano e medio.

Así mesmo, foi autorizada a acometer, en doce meses, a redistribución do soto e da planta baixa para vivenda ademais do cambio de uso dun local que comunica as rúas Castelao e Miguel de Cervantes, cun presuposto de 2.331’16 euros; ao igual que tamén se lle deu o visto bo á reforma da fachada para comercio de venda de alimentos, complementos e produtos zoosanitarios e perruquería para mascotas nun establecemento sito na Duquesa de Lugo. Os traballos terán un custo de 12.331’26€ e contarán con 6 meses para materializarse.

Durante a sesión celebrada esta mañá o equipo de goberno acordou igualmente prorrogar durante un ano a adxudicación do servizo de mediación e asesoramento preparatorio da adxudicación e formalización de contratos de seguros e reaseguros do Concello de Lugo por valor de 10.835’03 euros (IVE excluído).

Noticias relacionadas