As licenzas urbanísticas, protagonistas hoxe da Xunta de Goberno Local

Miguel Couto anuncia que continúan a darse pasos para que o antigo Hospital Provincial San José se convirta na sede de Apsnais

Mércores, 02 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As licenzas urbanísticas tiveron un especial protagonismo esta mañá na reunión ordinaria da Xunta de Goberno onde se lle deu o visto bo a sete regularizacións tributarias, a maioría delas devolucións de taxas correspondentes a obras que non se chegaron a realizar máis tamén, na sesión desta semana, o executivo local outorgaba outros tantos permisos autorizando varias intervencións.

Entre as máis sinaladas, destaca a licenza para construír unha nave almacén de produtos de repostería no Parque Empresarial das Gándaras, así como outra para facer modificacións da distribución interior no antigo Hospital Provincial San José co fin de convertelo nun fogar residencia, centro de día e centro ocupacional para discapacitados.

O edil, anunciaba tamén que hoxe quedou aprobada a solicitude de Ditram Automoción para instalar un centro de transformación e ampliar a edificación destinada a taller de reparación de vehículos e exposición que esta empresa posúe na Campiña.

“Un expediente que se leva tramitando dende maio de 2018 e que se prolongou no tempo polas particularidades do terreo no que se asentan as instalacións o que fixo necesario recabar moitos outros informes así como as resolucións favorables de organismos como a Demarcación de Estradas do Estado de Galicia, por atoparse as obras na zona de afección da N – 640 ou a da Axencia Estatal de Seguridade Aérea ao estar afectada a parcela pola servidume aeronáutica do Aeródromo de Rozas. Todo un periplo administrativo que dilatou o ditame municipal pero que, precisamente por iso, neste momento nos permite acreditar a súa legalidade con tódalas garantías”, sinalou Miguel Couto.

O responsable de Urbanismo Sostible explicou que “o proxecto posibilitará a construción dunha nave anexa, na planta baixa da xa existente e adosada ao lateral esquerdo que incrementará a zona de exposición actual en 1018’01 metros cadrados e a recepción do taller en 68 m² e, no lateral dereito, procederá a ampliarase tamén o espazo de reparación de vehículos industriais en 481’88 m² e habilitarase un módulo para oficina de 43’66 m². O promotor dispón agora de seis meses para iniciar os traballos que deberán finalizar no prazo de dous anos”, concluíu o concelleiro.

Noticias relacionadas