Lara Méndez reforza as accións educativas e de visualización da violencia de xénero polo 25N

A rexedora presentaba hoxe a programación municipal que neste 2022 terá como lema ‘Árbores de vida, Bolboretas de liberdade’ na honra das irmáns Mirabal.

Na xornada previa, a praza da Mosqueira acollerá unha xornada aberta á cidadanía na que o estudantado lucense creará un bosque de cintas moradas en representación das vítimas e das súas familias.

A Muralla, emblema da marca feminista da cidade ‘Mulleres con Forza’ será o escenario de fondo dunha solta de globos que iluminarán o ceo lucense coa palabra NON, simbolizando as noites de vixilia das agredidas.

Os actos institucionais terán lugar o propio venres 25, coa tradicional ofrenda floral e a lectura do manifesto diante da Árbore da Vida.

Durante toda a xornada, a poboación poderá deixar as súas mensaxes #maltratadoresnon na performance con manequíns que ocupará a Praza Maior.

Xoves, 17 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reforza as accións educativas e de visualización da violencia de xénero polo 25N

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta mañá as actividades incluídas na programación do 25-N, Día Internacional contra a Violencia e Xénero, que este ano fixo un especial énfase no reforzo das accións educativas e de visualización e detección das agresións machistas.

“A violencia de xénero é a manifestación máis evidente da desigualdade e supón a máis grave violación dos dereitos humanos das mulleres. Desde o 2003, no que se comezaron a contabilizar, foron asasinadas 1.171 mulleres en toda España, 66 en Galicia, por iso, é obrigado que o 25-N sexa unha ferramenta máis na loita por erradicar esta situación porque, todas as accións de conciliación e apoio que realizamos durante todo o ano, precisan dunha data para que todas as persoas e institucións alcemos unidas a nosa voz co obxectivo de evidenciar todo o camiño e a transformación social que aínda temos por diante”, destacou a rexedora.

Baixo o lema ‘Árbores da vida, Bolboretas de liberdade’, co que se quere render homenaxe ás irmáns Mirabal, axusticiadas un 25 de novembro pola súa defensa feminista, o Concello de Lugo pretendeu abarcar coas actividades organizadas “múltiples aspectos da concienciación cidadá, especialmente no ámbito da ensinanza, pero tamén na rúa onde, alén de celebrar un acto institucional que inclúe a lectura do manifesto e unha ofrenda floral ao pé da Árbore da Vida, queremos poñer en foco na dor das vítimas e das súas familias”, sinalaba Méndez.

Durante a presentación, na que estivo acompañada pola tenente de alcaldesa de Cohesión Social, Ana González Abelleira, a rexedora agradeceu a vontade e o compromiso das e dos lucenses por da pasos cara un Lugo libre de violencia, agresións, seguro e digno para as mulleres e, “máis directamente, ao persoal desta casa que traballa nesta loita diaria - que, como sabedes, neste Concello, é transversal en todas as áreas - e tamén aos colectivos e asociacións do Foro de Igualdade, que nos fixeron chegar as súas propostas, e que colaborarán activamente na celebración deste 25-N, propostas que tamén nos houbese gustado que nos fixesen chegar os grupos de oposición, pero non foi así”, apuntou a alcaldesa.

Lara Méndez destacou a colaboración coa Asociación Corazóns Artesáns, que permitirá desenvolver na xornada  previa do 24 de novembro un dos eventos máis simbólicos deste ano, na praza da Mosqueira. A acción, aberta a toda a cidadanía e na cal participará o estudantado lucense, consiste na creación “dun bosque con cintas moradas segundo o número de mulleres asasinadas cada mes, a outras cintas máis clariñas, que representan ás vítimas colaterais, as súas fillas e fillos” explicaba a rexedora.

Seguidamente e, coa Muralla como protagonista - emblema da marca feminista da cidade ‘Mulleres con Forza’ - terá lugar unha ‘ViXilia e solta cautiva de globos luminosos’ en colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU). Un acto que ten como finalidade visibilizar a situación que sofren moitas vítimas de violencia de xénero no seu día a día, ou mellor dito nas súas noites, e tamén para que “a cidadanía en xeral, e as mulleres en particular, amosen a súa solidariedade e sororidade con aquelas que pasan noites en vela porque senten que a súa vida e a das súas familias está en perigo” subliñou Méndez.

Pola súa banda, Ana G. Abelleira deu conta de que, desde o pasado día 10 e ata o vindeiro día 24, o Concello está a desenvolver obradoiros de concienciación nos institutos co fin de rachar cos estereotipos entre a mocidade para que coñezan as sinais da violencia de xénero. Unha programación á que “cada vez se suman mais centros xa que, comezamos a traballar con 6 ou 7 e a día de hoxe xa son 11 os centros educativos que están a participar coa creación destas bolboretas, símbolo de liberdade”.

A rexedora e a edil fixeron tamén fincapé na xornada do propio 25N, na que terá lugar unha acción de rúa: #maltratadoresnon, que incorpora manequíns na Praza Maior nos que toda a cidadanía poderá plasmar mensaxes de repulsa contra a violencia de xénero. E como é habitual, ás 12:00 horas celebrarase a tradicional ofrenda floral como homenaxe ás mulleres vítimas da violencia e a lectura dun manifesto, diante da árbore da vida de Santo Domingo. Tras a lectura, actuará Ruth León.

Por outra banda, a área de Xuventude ten preparadas accións reivindicativas da igualdade, demandadas polos mozas e mozas que participan habitualmente nas actividades da Casa da Xuventude. Unha delas é ‘Quen ocupa esa cadeira?, una mostra teatral a cargo de Palimoquiños e CIA, que terá lugar xa o 26 de novembro no adarve da Muralla, “pensamos que é importante concienciar desta problemática en idades temperás aos mozos e mozas da nosa cidade”, subliñou a rexedora.

A biblioteca Intercentros acollerá dende o 22 de novembro, a exposición itinerante: Ilustracións contra o machismo, da influencer Feminista Ilustrada. Unha mostra que visibiliza diferentes formas de violencia de xénero e situacións de discriminación frecuentes entre a poboación moza, coa ilustración como principal elemento de difusión de valores igualitarios. A Concellería de Muller e Igualdade, ofreceu dita exposición, no marco do 8M, a todos os institutos do municipio, acolléndoa, polo momento, os institutos Sanxillao e As Mercedes, CEIP Illa Verde.

Finalmente, o salón de actos do centro de convivencia Maruja Mallo acollerá o día 29 a Mesa de diálogo: Mulleres dos diferentes ámbitos ante a violencia de xénero, na que participan: FADEMUR, ACADAR, RIOPLATENSES, AELU e ALIAD-ULTREIA.

Máis info

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o 25N (I) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o 25N (II) | Descargar mp3
  • A edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, sobre o 25N (III) | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez reforza as accións educativas e de visualización da violencia de xénero polo 25N

Noticias relacionadas