Lara Méndez pon en marcha a estratexia ‘Lugo seguro’ para xerar confianza e recuperar a demanda no comercio e a hostalaría

A primeira iniciativa será unha acción formativa para que os traballadores afronten o novo escenario desde un punto de vista sanitario, pero tamén psicolóxico e de comunicación

A alcaldesa lembra que son dous dos sectores estratéxicos de Lugo, que representan o 25% do emprego, “sendo o principal sustento económico de moitas familias”

O curso online terá unha duración de 20 horas e os participantes obterán un diploma de Establecemento de Confianza

Martes, 12 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pon en marcha a estratexia ‘Lugo seguro’ para xerar confianza e recuperar a demanda no comercio e a hostalaría

O Goberno de Lara Méndez porá en marcha unha nova iniciativa para axudar ao comercio e á hostalería lucense durante o período de desconfinamento dentro dunha estratexia encamiñada “a xerar confianza e seguridade entre clientes e provedores nun Lugo segu“O obxectivo é axudar a recuperar a demanda e reactivar a economía en dous sectores estratéxicos, pois supoñen o 25% do emprego da nosa cidade, sendo o principal sustento económico de moitas familias e dous piares da economía local”, segundo sostivo a alcaldesa, que mantivo hoxe unha reunión cos presidentes da Federación de Comercio, José María Seijas, e da Asociación de Hostalaría, Cheché Real, acompañada do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto.

A primeira destas iniciativas será a posta en marcha dun curso on-line pioneiro para os e as traballadoras destes sectores, que será impartido por profesionais da medicina, a psicoloxía e a comunicación, co que achegar aos participantes as habilidades e coñecementos precisos para enfrontarse ao novo escenario post COVID-19.

Lara Méndez explicou que “esta formación é única en España, pois conta cun elevado nivel de especialización para dar resposta ás necesidades derivadas da situación actual. Neste senso, non só se cingue á prevención de riscos laborais, senón que tamén aborda a xestión de habilidades emocionais ou comunicativas, entre outros aspectos”.

Entre outros temas, abordará aspectos relacionados coa prevención e a seguridade e saúde do persoal e dos establecementos. Pero tamén ensinará a afrontar desde un punto psicolóxico e emocional a nova situación de regreso ao traballo, así como a comunicación para trasladar aos clientes a máxima confianza en que poden acudir aos seus establecementos habituais pois o persoal está preparado para atendelos e porase a obrigada prevención en todas as tarefas.

A participación neste curso, dunha duración de 20 horas, está aberta a propietarios, autónomos, persoal en xeral de vendas en comercio, de barra, comedor, cociña, recepción, camareiros, maîtres en hostalaría e hoteis, entre outros traballadores do sector, e estará dirixida en especial aos empregados que están ou pasaron un ERTE e deben retomar a súa actividade.

O edil Mauricio Repetto sinalou que “a crise provocada pola COVID-19 require que as empresas sexan capaces de adaptarse ao novo escenario social e, para iso, é necesario que os traballadores se formen en habilidades concretas como a xestión das emocións. Debido ás importantes medidas que deberán adoptar os establecementos durante o desconfinamento, é fundamental que saiban trasladar aos clientes a máxima confianza e seguridade”.

Trátase dun curso interactivo, con recursos audiovisuais e exercicios prácticos. Impartirase en liña, mediante unha plataforma de elearning, accesible desde dispositivos móbiles e que permite unha comunicación instantánea alumno-titor.

A iniciativa levarase a cabo dende a área de Desenvolvemento Local e Emprego, baixo a marca Lugo É Capital, que aglutina todas as accións do Goberno de Lara Méndez en apoio á economía de proximidade.

Participación e inscricións

Con este curso obterase o diploma de Establecemento de Confianza, sempre que polo menos unha persoa da empresa participe na formación, impartida por unha médico epidemióloga experta en sanidade pública, unha psicóloga e unha doutora en comunicación.

A formación diríxese a pequenos empresarios, autónomos, e demais persoal de comercios, hostalería ou hoteis e, de forma especial, aos traballadores que se atopan ou pasaron por un ERTE, cun obxectivo común: ofrecer seguridade e confianza para todos os axentes implicados na actividade da organización.

As inscricións abriranse este venres e o curso comezará na semana do 21 deste mes.

Audio

  • Cheché Real, sobre a estratexia ‘Lugo seguro’ | Descargar mp3
  • José María Seijas, sobre a estratexia ‘Lugo seguro’ | Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre a estratexia ‘Lugo seguro’ | Descargar mp3

Noticias relacionadas