A Xunta de Goberno aprobará mañá obras en Camoira, Tirimol, Pedreda, estrada entre Conturiz a Cardoso, Corral de Abaixo, San Pedro de Mera, Burgo, Galego e Bascuas.
A estas actuacións se suman as que está xa a executar á concellería de Medio Rural aproveitando o tempo seco e as que se iniciarán en breve en Pías, Tirimol e Piugos.
O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, lembra que “estas execucións son froito de escoitar permanentemente a demanda da veciñanza”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, impulsa novas obras de mellora nas estradas municipais do rural co fin de incrementar a seguridade viaria. Son un total de seis actuacións de aglomerado en quente, que se inclúen no Plan Único deste ano, e tres do Plan de Mellora de Camiños de acceso a Parcelas Agrícolas, que serán licitadas na Xunta de Goberno Local de mañá cun investimento de máis de 347.000 euros.
As execucións realizaranse en Camoira, Tirimol, Pedreda, estrada entre Conturiz a Cardoso, Corral de Abaixo, San Pedro de Mera, Burgo, Galego e Bascuas.
Ademais, esta semana comezarán máis actuacións, financiadas polas baixas do Plan Único 2020, en Pías, Tirimol e Piugos, e que contan cun investimento de 60.000 euros.
Todas estas obras súmanse ás que está a desenvolver nestes intres a concellería de Medio Rural, que está a acelerar o acondicionamento dos accesos nunha ducia de parroquias aproveitando o tempo seco da época estival co fin de que queden rematados antes da chegada do inverno, cando as inclemencias meteorolóxicas dificultan os desprazamentos.
O tenente de alcaldesa e edil responsable de Medio Rural, Miguel Fernández, destacou a importancia das actuacións, “que non só benefician aos residentes destas parroquias e que desenvolvemos despois de escoitar as necesidades que nos traslada a veciñanza, coa que estamos en permanente contacto, senón que reverterá en beneficio de todo o tráfico rodado destas zonas”.
Así mesmo, o concelleiro lembrou que “no que levamos de mandato, desde o Goberno de Lara Méndez levamos investido no rural preto de 3 millóns de euros, territorio que supón o 80% do municipio e onde vive o 10% da poboación”. Fernández incidiu no compromiso da alcaldesa “de procurar que, pouco a pouco, as parroquias e a cidade se equiparen en canto a dotacións e servizos públicos co fin tamén de fixar poboación no rural”.
As estradas municipais nas que se actuará tras a licitación da XGL de mañá son as seguintes:
- Estrada dende O Vilardón ao límite municipal co Concello de Outeiro de Rei. Parroquia de Tirimol, na que se investirán 40.770 euros.
- Estrada de Conturiz a Cardoso. Parroquias de Santo André de Castro e San Mamede dos Anxos, obra dun importe de 73.894 euros.
- Estrada da N-540 á estrada de Bazar e da N-540 ao núcleo de O Corral de Abaixo. Parroquia de Calde. Execución por valor de 53.486 euros.
- Estrada da LU-P-2901 á Igrexa de San Pedro de Mera. Parroquia de San Pedro de Mera, licitada por 16.733 euros.
- Estrada da Igrexa de Camoira ao núcleo de Maira. Parroquia de Camoira, contratada por 22.822 euros.
- Estrada da N-640 (Estrada de Meira) a Pedreda, na que se investirán 66.494,57 euros.
Mantemento e mellora de camiños no Burgo, Galego e Bascuas, ao que se destinará 72.956 euros.
Audio
- O edil Miguel Fernández, sobre as obras no rural | Descargar mp3