Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez impulsa melloras da seguridade viaria nas parroquias do rural cun investimento superior aos 400.000 euros

Lara Méndez impulsa melloras da seguridade viaria nas parroquias do rural cun investimento superior aos 400.000 euros

A Xunta de Goberno aprobará mañá obras en Camoira, Tirimol, Pedreda, estrada entre Conturiz a Cardoso, Corral de Abaixo, San Pedro de Mera, Burgo, Galego e Bascuas.

A estas actuacións se suman as que está xa a executar á concellería de Medio Rural aproveitando o tempo seco e as que se iniciarán en breve en Pías, Tirimol e Piugos.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, lembra que “estas execucións son froito de escoitar permanentemente a demanda da veciñanza”.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Medio rural,
    • Dinamización rural,
    • Medio ambiente
Martes, 31 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez impulsa melloras da seguridade viaria nas parroquias do rural cun investimento superior aos 400.000 euros

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, impulsa novas obras de mellora nas estradas municipais do rural co fin de incrementar a seguridade viaria. Son un total de seis actuacións de aglomerado en quente, que se inclúen no Plan Único deste ano, e tres do Plan de Mellora de Camiños de acceso a Parcelas Agrícolas, que serán licitadas na Xunta de Goberno Local de mañá cun investimento de máis de 347.000 euros.

As execucións realizaranse en Camoira, Tirimol, Pedreda, estrada entre Conturiz a Cardoso, Corral de Abaixo, San Pedro de Mera, Burgo, Galego e Bascuas.

Ademais, esta semana comezarán máis actuacións, financiadas polas baixas do Plan Único 2020, en Pías, Tirimol e Piugos, e que contan cun investimento de 60.000 euros.

Todas estas obras súmanse ás que está a desenvolver nestes intres a concellería de Medio Rural, que está a acelerar o acondicionamento dos accesos nunha ducia de parroquias aproveitando o tempo seco da época estival co fin de que queden rematados antes da chegada do inverno, cando as inclemencias meteorolóxicas dificultan os desprazamentos.

O tenente de alcaldesa e edil responsable de Medio Rural, Miguel Fernández, destacou a importancia das actuacións, “que non só benefician aos residentes destas parroquias e que desenvolvemos despois de escoitar as necesidades que nos traslada a veciñanza, coa que estamos en permanente contacto, senón que reverterá en beneficio de todo o tráfico rodado destas zonas”.

Así mesmo, o concelleiro lembrou que “no que levamos de mandato, desde o Goberno de Lara Méndez levamos investido no rural preto de 3 millóns de euros, territorio que supón o 80% do municipio e onde vive o 10% da poboación”. Fernández incidiu no compromiso da alcaldesa “de procurar que, pouco a pouco, as parroquias e a cidade se equiparen en canto a dotacións e servizos públicos co fin tamén de fixar poboación no rural”.

As estradas municipais nas que se actuará tras a licitación da XGL de mañá son as seguintes:

  • Estrada dende O Vilardón ao límite municipal co Concello de Outeiro de Rei. Parroquia de Tirimol, na que se investirán 40.770 euros.
  • Estrada de Conturiz a Cardoso. Parroquias de Santo André de Castro e San Mamede dos Anxos, obra dun importe de 73.894 euros.
  • Estrada da N-540 á estrada de Bazar e da N-540 ao núcleo de O Corral de Abaixo. Parroquia de Calde. Execución por valor de 53.486 euros.
  • Estrada da LU-P-2901 á Igrexa de San Pedro de Mera. Parroquia de San Pedro de Mera, licitada por 16.733 euros.
  • Estrada da Igrexa de Camoira ao núcleo de Maira. Parroquia de Camoira, contratada por 22.822 euros.
  • Estrada da N-640 (Estrada de Meira) a Pedreda, na que se investirán 66.494,57 euros.

Mantemento e mellora de camiños no Burgo, Galego e Bascuas, ao que se destinará 72.956 euros.

Audio

  • O edil Miguel Fernández, sobre as obras no rural | Descargar mp3 [1]
 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-impulsa-melloras-da-seguridade-viaria-nas-parroquias-do-rural-cun-investimento

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/310821_miguel_fernandez.-_obras_no_rural.mp3