Lara Méndez exporá o modelo de Lugo como cidade na vangarda do urbanismo sostible nun foro nacional con oito grandes urbes

A rexedora participará este xoves no encontro Municipios 2030. Ciudades y medio rural avanzando hacia los ODS, organizado polo Concello e a Deputación de Málaga, en colaboración co Foro de Nova Economía e Innovación Social

Trátase dunha xornada de experiencias e networking de alcance nacional dirixida a alcaldes, concelleiros, técnicos, empresas e ONGs interesadas en contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Mércores, 07 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez exporá o modelo de Lugo como cidade na vangarda do urbanismo sostible nun foro nacional con oito grandes urbes

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, foi invitada a participar este xoves, 8 de outubro, na xornada Municipios 2030. Ciudades y medio rural avanzando hacia los Objetivos de Desarrollo Sostenible, onde se presentarán experiencias positivas de transformación económica e social dos municipios.

Organizada polo Concello e a Deputación de Málaga, en colaboración co Foro de Nova Economía e Innovación Social (NESI), a rexedora exporá neste encontro o modelo de cidade sostible e resiliente no que está a traballar o executivo municipal a través de diferentes proxectos como o LIFE, para situar a Lugo á vangarda das cidades sostibles do futuro.

Trátase dunha xornada de experiencias e networking de alcance nacional dirixida a toda a cidadanía en xeral, e concretamente a alcaldes, concelleiros, técnicos de entidades locais, empresas e ONGs interesadas en contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e poder mellorar a calidade de vida da veciñanza desde o eido local.

Ademais de Lugo, participarán como relatores outras cidades españolas como Barcelona, Alicante, Getafe, Vitoria, Sant Boi de Llobregat, Málaga, El Hierro, e Palencia.

Lara Méndez será a encargada de inaugurar a segunda mesa de experiencias, enfocada ao “Goberno aberto e cidades sostibles’, onde tamén participarán os municipios de Vitoria-Gasteiz e San Boi de Llobregat. A partir das 11:30 horas, a alcaldesa exporá o proxecto Life Lugo + Biodinámico, co que busca poñer en práctica na cidade de Lugo unha estratexia innovadora de planificación urbana dirixida a actuacións de escala intermedia en barrios ou áreas residenciais para lograr tecidos urbanos  resilientes e adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.

No caso de Lugo, a construción dos barrios sostibles pasa por fomentar o uso da madeira como elemento estrutural, o que suporá darlle un impulso ao sector forestal e polo tanto, ser un elemento dinamizador non só do municipio, senón da provincia e do resto de Galicia.

O encontro, en formato dixital, desenvolverase mediante unha metodoloxía participativa e innovadora, fomentando o coñecemento de boas prácticas desenvolvidas en diferentes municipios, compartindo experiencias e a interacción e conexión entre os asistentes. De maneira especial, profundarase sobre o  ODS 11 “Cidades e comunidades sostibles” e  ODS 16 “Paz, xustiza e institucións sólidas”, co dobre obxectivo de traballar sobre o reto demográfico e de despoboamento e sobre a importancia de contar con institucións eficaces, responsables e inclusivas que dean resposta ás necesidades e expectativas cidadás.

A xornada persegue, así mesmo, dous obxetivos fundamentais: fomentar a alianza do medio rural e urbano para frear o despoboamento e mellorar a sustentabilidade dos nosos territorios, como ferramenta para contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible; e coñecer e intercambiar experiencias positivas de transformación económica e social, xurdidas nos municipios durante a crise do coronavirus, que interesa manter.

Noticias relacionadas