Lara Méndez e José Miñones supervisan as obras de eficiencia enerxética en dependencias municipais cofinanciadas polo IDAE

A alcaldesa de Lugo e o delegado do Goberno coñeceron in situ as actuacións que se están levando a cabo na piscina das Pedreiras e no centro social de Fingoi.

Tamén se está traballando no Seminario, o edificio de Vías e Obras, a sede da Policía Local, a piscina de Frigsa, a Casa do Deporte e o centro social da Milagrosa.

Lara Méndez: “Conseguiremos aforros de consumo enerxético que oscilan entre o 10% e o 52%, e reduciremos a factura eléctrica nuns 300.000 euros ao ano”.

Xoves, 03 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e José Miñones supervisan as obras de eficiencia enerxética en dependencias municipais cofinanciadas polo IDAE

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, supervisaron este xoves o avance das obras de mellora da eficiencia enerxética que se están a levar a cabo en oito dependencias municipais cun investimento total de 3,7 millóns de euros, dos que o 80% da financiación procede das subvencións do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), acadadas polo Concello. Na visita tamén participaron o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, e a e a subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez.

Neste senso, Lara Méndez lembrou que “os edificios nos que se están a executar os traballos son: o centro social de Fingoi, o edificio administrativo do Seminario, o edificio de Vías e Obras de Frigsa, a sede da Policía Local, as piscinas de Frigsa e As Pedreiras, a Casa do Deporte e o centro social da Milagrosa”.

“A través deste plan conseguiremos aforros de consumo enerxético que oscilan entre o 10% e o 52%, pero tamén nos permitirá reducir a factura do gasto enerxético nuns 300.000 euros ao ano; así mesmo, convén destacar a importante redución de emisións de CO2 que se conseguirá, principal causante do quecemento da atmosfera polo efecto invernadoiro, reducións que nalgúns dos casos alcanzan o 74,5%”, apuntou.

En seis dos edificios, instalaranse nos cubertas paneis fotovoltaicos para autoconsumo eléctrico, no que se investirán dous millóns de euros. No caso de producir máis enerxía da que se consome, poderase inxectar a excedentaria nas redes xerais de transporte e distribución.

  1. Edificio de Vías e Obras, en Frigsa. Instalaranse 255 paneis, que tamén darán servizo ás pistas destinadas a educación viaria infantil, en Frigsa. Prazo de execución: 6 semanas.
  2. Piscina climatizada municipal de Frigsa. Colocarase 300 paneis. Prazo de execución: 6 semanas.
  3. Polideportivo municipal Casa do Deporte, en Frigsa. Instalaranse 300 módulos. Prazo de execución: 3 meses.
  4. Edificio administrativo do Seminario (Ronda Muralla), onde se instalarán 90 paneis. Prazo de execución: 9 semanas.
  5. Policía Local. Instalaranse 112 paneis. Prazo de execución: 9 semanas.
  6. Piscina climatizada As Pedreiras. Disporanse 265 paneis. Prazo de execución: 3 meses.
  7. Centro social de Fingoi, onde se levará a cabo o illamento térmico da fachada así como dos falsos teitos, ademais da substitución de toda a carpintería das xanelas. Prazo de execución: 9 semanas.
  8. Centro social da Milagrosa, actuacións nas fachadas, cubertas, falsos teitos, ventás e portas, reducindo a demanda enerxética de calefacción.. Prazo de execución: 4 meses.

“A finalización da execución dos proxectos está prevista entre abril e maio, en función da climatoloxía”, explicou a rexedora.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as obras de eficiencia enerxética para o IDAE | Descargar mp3

Noticias relacionadas