Lara Méndez desexa éxito a Aspnais na súa nova sede situada no antigo hospital San José, rehabilitado coa colaboración do Concello

As obras do centro permitiron aumentar a capacidade asistencial da entidade e agrupar nun mesmo espazo a residencia, os talleres, o centro de día e o centro ocupacional.

A rexedora, acompañada doutras autoridades, coñeceu in situ as novas instalacións e participou no descubrimento dunha escultura en homenaxe a Conchita Teijeiro.

“Conchita dedicou a súa vida a visibilizar, dignificar, mellorar a calidade de vida e traballar pola integración real e efectiva das persoas con diversidade funcional”, destacou Méndez.

Venres, 18 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez desexa éxito a Aspnais na súa nova sede situada no antigo hospital San José, rehabilitado coa colaboración do Concello

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este venres no acto de inauguración da nova sede da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspnais), situada no antigo hospital San José. Estas instalacións foron sometidas a unha rehabilitación integral para levar a cabo a adaptación e modernización dos espazos, o que permitiu aumentar a capacidade asistencial da asociación e agrupar nunha mesma sede a residencia, os talleres, o centro de día e o centro ocupacional. O Concello financiou con 130.000 euros a elaboración do proxecto de remodelación do antigo hospital, que a Deputación de Lugo cedeu de forma gratuíta a esta asociación lucense, durante un período de 50 anos.

Neste senso, Lara Méndez destacou “a colaboración entre administracións e o apoio do Concello de Lugo para que o proxecto de remodelación do hospital San José se levara a cabo, acadando unhas magníficas instalacións que pemitiron a este colectivo social non só unificar os seus servizos, senón tamén duplicalos, gañando un novo espazo de 10.000 metros cadrados, con capacidade para atender a 300 persoas”.

Así mesmo, a rexedora felicitou a Aspnais “polo excepcional labor que levan realizando dende hai máis de medio século -56 anos-, día a día, cunha gran dedicación, para mellorar a calidade de vida e favorecer a integración das persoas con diversidade funcional” e reiterou o compromiso do executivo municipal “con todas as persoas que sofren esta doenza, coas súas familias e cos colectivos que traballan por e para eles”.

“No Concello de Lugo temos un marcado carácter social, unha especial sensibilidade que nos fai implicarnos con todos os proxectos emprendidos na nosa cidade no eido do Benestar”, subliñou. Así mesmo, desexou éxito a Aspnais “nesta nova etapa que estades iniciando no antigo hospital San José, un proxecto no que dende o Concello temos a sorte de tomar parte poñendo o noso gran de area”.

A alcaldesa quixo felicitar tamén á asociación pola iniciativa de dedicar unha escultura na entrada das instalacións a Conchita Teijeiro, “quen dedicou a súa vida a visibilizar, dignificar, mellorar a calidade de vida e traballar pola integración real e efectiva das persoas con diversidade funcional”.

Méndez lembrou que “no 2018 Teijeiro recibiu a Medalla de Ouro da cidade, como recoñecemento a unha traxectoria de traballo e dedicación aos demais”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a inauguración de Aspnais | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez desexa éxito a Aspnais na súa nova sede situada no antigo hospital San José, rehabilitado coa colaboración do Concello
  • Lara Méndez desexa éxito a Aspnais na súa nova sede situada no antigo hospital San José, rehabilitado coa colaboración do Concello

Noticias relacionadas