Lara Méndez defende o valor das políticas sociais como ferramenta para mellorar a cohesión social intraurbana

A alcaldesa presidiu esta mañá en Ourense a presentación do Mapa de Cohesión Social elaborado polo Eixo Atlántico, o primeiro de Europa dun sistema tarsnfronteirizo.

A rexedora destacou a necesidade de traballar no eido local a través de servizos públicos de calidade que permitan reducir a fenda dixital, de xénero e a xeracional.

Este exhaustivo documento, elaborado polo equipo de Investigación da Universidade de Deusto Cities Lab Katedra, analiza a complexidade social, a igualdade de oportunidades e  os niveis de emprego digno na rexión.

Martes, 03 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez defende o valor das políticas sociais como ferramenta para mellorar a cohesión social intraurbana

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, puxo en valor a importancia das políticas sociais personalizadas para reducir as desigualdades intraurbanas na presentación celebrada esta mañá en Ourense do Mapa de Cohesión Social elaborado polo Eixo Atlántico á que acudiu como presidenta deste organismo. A rexedora estivo acompañada polo presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e o director do informe, Roberto San Salvador. O traballo representa unha radiografía social da eurorexión ao mesmo tempo que xera un sistema de información compartida entre os municipios que a compoñen que permite corrixir as desigualdades e previr as patoloxías sociais de forma coordinada. Este documento é o primeiro das súas características elaborado en Europa para un sistema transfronteirizo.

“A pesar da equidade en liñas xerais da rexión, existe un 25% de persoas que se atopan en risco de pobreza e exclusión, en maior ou menor grao.  Necesitamos atender as brechas de vulnerabilidade e exclusión que se están abrindo nas nosas cidades e territorios. As desigualdades intraurbanas son unha das maiores ameazas á cohesión social na rexión. De aí a necesidade traballar coas persoas, e para as persoas, desde o eido local como espazo máis próximo á cidadanía a través de servizos públicos de calidade que permitan equiparar o nivel de vida das persoas”, sinalou a rexedora.

Este exhaustivo documento, elaborado polo equipo de Investigación da Universidade de Deusto Cities Lab Katedra, analiza a complexidade social, a igualdade de oportunidades e os niveis de emprego digno no Eixo Atlántico. “O Mapa permítenos ter unha foto fixa da situación real dos municipios, para obter información sobre os hábitos e a calidade de vida da cidadanía, así como a fenda dixital, de xénero e a xeracional, para, deste modo, profundar nas causas que orixinan a vulnerabilidade e poder así combatela”, sinalou a rexedora que destacou a importancia das conclusións do documento para poder pór en marcha medidas que contribúan tamén á cohesión económica e á territorial.

No acto tamén interviñeron Francisco Javier Aguiar Fernández, Vicedecano de Traballo Social dá Universidade de Vigo, Xosé Cuns, Director da Rede Europea anti pobreza en Galicia, Agostinho Jardim Moreira, Presidente da Rede Europea anti pobreza en Portugal, e Bruno de Carvalho, Investigador da Nova School of Business & Economics. Todos eles, especialistas de relevo e coñecedores da problemática real do territorio nalgúns dos aspectos con máis indicadores negativos na cohesión social.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación do Mapa de Cohesión Social | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez defende o valor das políticas sociais como ferramenta para mellorar a cohesión social intraurbana
  • Lara Méndez defende o valor das políticas sociais como ferramenta para mellorar a cohesión social intraurbana

Noticias relacionadas