Lara Méndez avanza un investimento municipal de 4,7 millóns de euros para mellorar a urbanización e as conexións entre Paradai e Sagrado Corazón

As obras, incluídas no convenio que se asinará para a estación Intermodal, terán un coste total de 11,8 millóns, que serán cofinanciadas por ADIF ante a negativa da Xunta a colaborar nas actuacións.

A alcaldesa, Lara Méndez, avanzou algúns dos termos do convenio que se asinará proximamente para dar soporte legal á construción da nova infraestrutura de transportes.

Luns, 09 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez avanza un investimento municipal de 4,7 millóns de euros para mellorar a urbanización e as conexións entre Paradai e Sagrado Corazón

A alcaldesa, Lara Méndez, avanzou hoxe algúns dos aspectos da obra de urbanización que mellorará as conexións entre Paradai e o Sagrado Corazón a través da creación da Estación Intermodal.

A rexedora puxo o foco en que “a creación do paso inferior redundará na permeabilidade transversal urbana, rematando co illamento no que se mantiñan dende hai anos estes dous barrios, mentres que a urbanización e remodelación do viario e os accesos rodados na zona comprendida entre a Praza Conde Fontao, a rúa Alta e o parque do Sagrado Corazón redundarán na seguridade viaria, na fluidez do tráfico pero tamén na accesibilidade de todo o enclave e na mellora dos servizos”.

Así, desa parte do proxecto, orzamentado en 11.687.163 euros o Concello de Lugo achegará 4.674.865 € correspondéndose estes coa cofinanciación – xunto ao ADIF – do novo paso inferior peonil de uso libre que comunicará as dúas localizacións así como da urbanización da contorna inmediata na que se construirá a nova dotación.

“Unha actuación á que este Executivo non quixo renunciar, debido á relevancia que ten en clave municipal para a seguridade da cidadanía e a integración urbana das zonas que conecta e que finalmente asumiremos o Concello e ADIF”, lembrou Lara Méndez en alusión á negativa da Consellería de Infraestruturas a colaborar na súa financiación.

Cómpre recordar que tralas negociacións mantidas entre o Goberno central e o autonómico para costear o aparcamento soterrado das instalacións, a Administración galega accedeu a sufragar o 37’50% do seu importe detraéndoo da partida que ía asignar ás tarefas de acondicionamento da contorna. Labores cos que, en cambio, si colaborou en Ourense nunha porcentaxe do 65%.

Coa próxima sinatura do convenio, a Institución local comprométese, ademais, a impulsar con carácter preferente a tramitación relativa á consecución destes proxectos.

Para o novo paso inferior que conectará ambos lados da canle ferroviaria e, con relación ao tramo que discorra baixo dominio público ferroviario, Adif outorgará unha concesión administrativa, sen custo, en favor do Concello por un período máximo de 75 anos. De xeito que a Administración local aceptará, entre outras obrigas, a conservación e mantemento das infraestruturas resultantes e realizará, igualmente, unha reorganización no transporte urbano para garantir a adecuada conectividade da nova área Intermodal cos principais puntos de interese da cidade, tales como hospitais, centros de saúde, universidades, zonas comerciais, etc...

Lara Méndez aproveitou, así mesmo, para lembrar algunhas das iniciativas que desenvolveu nestes puntos da capital nos últimos anos, entre as que citou o impulso dado ao Plan Paradai a través da sinatura doutro convenio coa Confederación Hidrográfica para reducir o risco de inundación do río Rato no ámbito da glorieta da rúa Serra de Meira.

“Seguimos traballando no obxectivo de que os espazos públicos se convertan, pola súa confortabilidade e atractivo, nunha extensión dos nosos fogares, fomentando ademais a querenza e o sentimento de pertenza aos barrios, dunha maneira receptiva ás peticións que nos achega a veciñanza e co propósito de mellorar a súa calidade de vida, ben de maneira directa ou axilizando todas aquelas intervencións privadas que contribúan ao mesmo fin”, engadiu Lara Méndez en alusión á urbanización en curso na Quinta de Pérez que, á marxe de facilitar o tránsito peonil, permitirá a construción dun novo complexo residencial que revitalizará a contorna.

Audio

 

Noticias relacionadas