Tras a participación de máis de 600 mozos e mozas na iniciativa ‘Basket na Rúa’ nos distintos barrios, agora súmanse as disciplinas de voleibol e fútbol sala.
A mocidade poderá aprender con monitores de clubs xa moi consolidados, así como con xogadores referentes na cidade e que teñen grandes logros deportivos no seu haber.
De acceso gratuíto para a veciñanza de 10 e 17 anos, as actividades desenvolveranse nas prazas Maior, Anxo Fernández e o Castiñeiro e nas pistas do Parque Sagrado Corazón e Fingoi.

Tras o éxito de participación da actividade municipal ‘Basket na Rúa’, que na edición pasada reuníu a máis de 600 mozos e mozas en diferentes barrios da cidade, e co obxectivo de potenciar un ocio e un estilo de vida máis saudables, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que se ampliará esta iniciativa a outras dúas disciplinas deportivas: voleibol e fútbol.
Baixo o nome xenérico de ‘Deporte na Rúa’, o Concello contará coa colaboración nesta iniciativa deportiva da Fundación Breogán, que repite nesta edición, co club Emevé e o Lugo Sala, que serán os organizadores. “O que permitirá -sostivo a rexedora- que a mocidade conte co atractivo de poder xogar e aprender con monitores de clubs xa moi consolidados, con xogadores referentes na cidade e que teñen grandes logros deportivos no seu haber”.
A rexedora e o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, reuníronse hoxe con Luka Brajkovic e Salva Arco, director Fundación Breogán; a xogadora Eliana González e a coordinadora Icia Rodríguez, do Emevé; e o presidente do Lugo Sala, Marcos Penín, o capitán Miguel Muñoz e o porteiro, Yerai Espiñeira, para agradecerlles a súa colaboración.
O concelleiro explicou que as actividades se desenvolverán durante os domingos dos meses de abril, maio e xuño. Serán de acceso gratuíto para mozos e mozas de entre 10 e 17 anos, elocalizaranse na Praza Maior, a Praza Anxo Fernández e a Praza do Castiñeiro, así como nas pistas deportivas do Parque do Sagrado Corazón e as pistas de fútbol do barrio de Fingoi. En caso de chuvia, as actividades trasladaranse á pista cuberta do CEIP Sagrado Corazón.
A iniciativa enmárcase no programa +Xti, que se desenvolve desde a concellería de Xuventude a través do Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias, que subvenciona o Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional de Drogas.
Para participar, aínda que haberá limitación de prazas, que se irán cubrindo por orde de chegada, non é necesario a inscrición previa.
CRONOGRAMA DA ACTIVIDADE
PRAZA DE AUGAS FÉRREAS:
(ABRIL)
- Domingo 09/04/2023 – 10:30 a 13:30h (TODOS OS DEPORTES)
PRAZA O CASTIÑEIRO:
(ABRIL)
- Domingo 16/04/2023 – 10:30 a 13:30h (Fundación Breogán - Baloncesto)
- Domingo 23/04/2023 – 10:30 a 13:30h (Voley Emevé)
- Domingo 30/04/2023 – 10:30 a 13:30h (Lugo Sala)
PISTAS DEPORTIVAS PARQUE SAGRADO CORAZÓN (Rúa Serra de Meira):
(MAIO)
- Domingo 07/05/2023 – 17:00 a 20:00h (TODOS OS DEPORTES)
- Domingo 14/05/2023 – 10:30 a 13:30h (Lugo Sala)
- Domingo 21/05/2023 – 10:30 a 13:30h (Fundación Breogán - Baloncesto)
- Domingo 28/05/2023 – 10:30 a 13:30h (Voley Emevé)
PISTAS DE FÚTBOL BARRIO DE FINGOI (Rúa Roseira):
(XUÑO)
- Domingo 04/06/2023 – 10:30 a 13:30h (TODOS OS DEPORTES)
- Domingo 11/06/2023 – 10:30 a 13:30h (Fundación Breogán - Baloncesto)
- Domingo 18/06/2023 – 10:30 a 13:30h (Lugo Sala)
- Domingo 25/06/2023 – 10:30 a 13:30h (Voley Emevé)