Lara Méndez anuncia que este mes se validará en Pleno a documentación pendente para aprobar definitivamente o 5% do PXOM

A Xunta de Goberno Local dará o visto bo este mércores a documentación coa que se subsanan as apreciacións sinaladas pola Consellería de Medio Ambiente.

Os servizos municipais de Arquitectura, Enxeñería, Arqueoloxía e Medio Ambiente avalan nun informe conxunto a idoneidade das concrecións realizadas.

A súa entrada en vigor rematará coa incerteza urbanística en 70 núcleos do rural e permitirá o desenvolvemento de case un millón de m2 de chan urbanizable cunha capacidade de uso residencial para 7.750 vivendas, das que o 35% serán públicas.

Lara Méndez: “É un fito para o crecemento racional e sustentable do municipio, que suporá un impulso para o aproveitamento do territorio e a súa expansión industrial”.

Luns, 06 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia que este mes se validará en Pleno a documentación pendente para aprobar definitivamente o 5% do PXOM

A aprobación definitiva e completa do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo entrará esta semana na súa fase final.

Así o anunciaron hoxe a alcaldesa, Lara Méndez, e o concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos durante unha rolda de prensa na que avanzaron que, o vindeiro mércores, a Xunta de Goberno local validará a parte do proxecto de revisión do PXOM relativo á subsanación das apreciacións sinaladas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, con relación á totalidade do ámbito territorial que non foi obxecto de aprobación en 2011.

“É, sen ningún tipo de dúbidas, un fito para o crecemento racional e sustentable do municipio, que permitirá o desenvolvemento de todo ese chan que arrastraba unha década de incertezas administrativas, freando o aproveitamento do territorio, dunha forma moi significativa no ámbito rural, pero tamén coartando a súa expansión industrial”, sinalou a rexedora.

Lara Méndez indicou que, “tras moitos meses de traballo conxunto e permanente coa Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a última documentación presentada polo equipo redactor foi informada favorablemente hai tan só uns días nun documento conxunto asinado polos Servizos Municipais de Arquitectura, Enxeñería, Arqueoloxía e Medio Ambiente, “no que se avalan as concrecións realizadas en 11 ámbitos de actuación, 6 deles situados en zonas de expansión, 1 en solo rústico e en 4 urbanizables”, matizou.

Case o 40% das parroquias, 21 de 54, pendentes da aprobación do Plan que condicionaba o seu futuro.

Méndez lembrou, a continuación, que as zonas afectadas pola parte aínda inconclusa do Plan ascenden a un total de 70 núcleos rurais das parroquias (21) de Teixeiro, Mazoi, Santa María de Muxa, San Salvador de Muxa, San Pedro de Muxa, Tirimol, Ombreiro, Vilachá de Mera, Adai, Pedreda, Santa María de Bóveda, Alta, Alto, Piúgos, Esperante, San André de Castro, Coeo, Coeses, Lamas, Mera e Piñeiro.

“Esta aprobación permitirá, só no rural, o desenvolvemento de 915.000 m2 de solo urbanizable delimitado e doutros 985.000 m2 de chan urbanizable delimitado periurbano cunha capacidade de uso residencial para 7.750 vivendas, das que un 35% serán públicas. Posibilitando, alén, a transformación de 1.364.000 m2 máis de solo urbanizable industrial para a implantación de actividades económicas. Será, por tanto, un revulsivo para o tecido produtivo local que reactivará os sectores vinculados á construción pero que tamén permitirá a moitas empresas asentarse e ampliar as súas instalacións e a moitas familias atopar postos de traballo e un lugar axeitado para establecerse”, salientou a rexedora.

Lara Méndez referiu, así mesmo, que a aprobación do 5% do PXOM permitirá a creación de sistemas xerais e dotacións locais que se materializarán en servizos a disposición da comunidade a razón de:

- 412.455 m2 de zonas para equipamentos e dotacións.

- 933.268 m2 de espazos verdes e libres.

- 77.753 m2 de viarios para a interconexión do territorio.

“Falamos de estradas que mellorarán a conectividade e os desprazamentos polo municipio, de xardíns, parques e novos puntos de encontro para o ocio e a práctica deportiva, a socialización e o lecer. Infraestruturas que contribuirán a estender as prestación públicas a todos os puntos da localidade, mellorando así a calidade de vida da veciñanza e equiparándoa en dereitos e oportunidades”, abondou a alcaldesa lucense.

“Este revulsivo importante acompañará á Estratexia de Recuperación Económica postpandemia que activamos mobilizando o maior investimento económico da historia do Concello enfocado a atraer empresas, industrias e talento á cidade a través do fondo inversor municipal Lugo Transforma, entre outras ferramentas que desenvolvemos”, engadiu a alcaldesa.

Lara Méndez deu conta tamén de que unha vez aprobado este 5% do PXOM nun Pleno Extraordinario, o vindeiro 17 de xuño, o expediente se remitirá á Xunta de Galicia para que proceda ao seu exame coa finalidade de que emita o seu informe perceptivo e vinculante “que, de ser favorable – e así o esperamos porque traballamos, como xa dixen, de xeito coordinado cos seus equipos técnicos - permitirá a aprobación definitiva por parte do Concello poñendo fin a un periplo de dez anos cuxa conclusión marcará un antes e un despois para o urbanismo lucense”.

“Polo tanto, con esta aprobación definitiva damos resposta a un dos obxectivos que marquei neste mandato e chegamos ao final dun procedemento arduo e minucioso que, debido á súa complexidade se prolongou en exceso, xerando inseguridades que agora poderán resolverse, dando un impulso á capacidade edificatoria no rural - que por fin disporá dun planeamento que favoreza o asentamento poboacional – pero tamén posibilitando a creación de novas zonas industriais, de equipamentos e de vías de comunicación que vertebren o territorio”, apuntou a rexedora.

Pola súa banda, o concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, fixo fincapé en que as determinacións adoptadas “gardan relación coa definición da capacidade residencial dalgunhas zonas ou da superficie dalgún sector urbanizable e de actividade industrial, ao tempo que se concretan delimitacións de sectores, alén de incorporar as zonas inundables”. E sinalou como exemplo as consecuencias tan positivas que terá para a superficie colindante ao HULA, “onde se prevé un importante desenvolvemento residencial e de servizos complementario ás instalacións sanitarias”.

Unha década de tramitacións na que o Concello de Lugo tratou de respostar aos requirimentos doutras administracións dende o rigor e de maneira minuciosa.

Álvaro Santos fixo tamén un resumo do percorrido administrativo que o 5% do PXOM tivo nesta última década e que comezaba no ano 2011 cando a Consellería de Medio Ambiente estableceu consideracións para 70 núcleos dos 300 dos que se compón o municipio e para 17 urbanizables das 65 que contemplaba o Plan.

Ante isto, o Concello presentou nova documentación que foi aprobada en Pleno en 2012 pero que, de novo, a Consellería de Medio Ambiente volveu paralizar cun informe da Confederación Hidrográfica Miño – Sil que solicitou, até en dúas ocasión, estudos Hidrolóxicos – Hidráulicos dos ámbitos en suspenso.

Non sería até 2019 cando a Institución local obtivo o visto bo definitivo por parte do organismo da Cunca e, “a partir de ese momento, o equipo redactor estivo a traballar para adaptalo ao PXOM. Unha documentación que foi informada polos Servizos Municipais e aprobada en Pleno en xullo de 2020 e que, logo de ser avaliada pola Consellería de Medio Ambiente, foi preciso subsanar en determinados aspectos que agora, seguindo as súas indicacións, se estiman xa solventadas”, sostivo o edil.

Audio

 

Noticias relacionadas