Grandes referentes da mocidade en diversidade sexual alíanse co Concello de Lugo nun festival que nace como referente en Galicia

O concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, presenta a primeira edición de ‘De perdidos, ao Miño’, que busca eliminar prexuízos contra a diversidade social desde idades temperás.

A iniciativa que desenvolve o Goberno de Lara Méndez nace con vocación de continuidade.

Participarán persoeiros como Carolina Iglesias, cómica, guionista e youtuber galega, recoñecida no 2021 co Premio Marcela e Elisa; Marta Herráiz, fundadora de  LesWorking, ou a profesora Noemí Díaz Vázquez nun cartel “de primeiro nivel’.

 
Mércores, 27 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Grandes referentes da mocidade en diversidade sexual alíanse co Concello de Lugo nun festival que nace como referente en Galicia

O paseo do Miño acollerá o vindeiro venres, 6 de maio, a primeira edición do festival ‘De perdidos ao Miño’, “que nace para ser un referente en Galicia para concienciar desde un espazo de reflexión, pero tamén lúdico, sobre o respecto á diversidade sexual”, segundo avanzou o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto. Para iso, apuntou, “persoeiros e profesionais que son hoxe en día referentes na mocidade en temas de igualdade, diversidade e inclusión alíanse co Goberno de Lara Méndez nesta gran cita, que nace con vocación de continuidade”.

O obxectivo desta iniciativa é "achegar ás novas xeracións, nunha contorna natural e aberta como é o río, valores sociais co fin de evitar que se transmitan prexuízos contra a diversidade desde idades temperás”. Queremos, incidiu Repetto, “que poidan abordar adecuadamente e con normalidade cuestións de ámbito sexual, achegándolles ferramentas para resolver os problemas aos que poidan exporse”.

Nesta primeiro festival participarán, entre outros convidados, Carolina Iglesias, cómica, guionista e youtuber galega, recoñecida no 2021 co Premio Marcela e Elisa polo seu traballo a favor dos dereitos LGTBI+, sendo a persoa máis nova en recibir este galardón, e gañadora dun Premio Ondas polo seu podcast 'Estirando o chicle'. Tamén acudirán a psicóloga María  González  Da Rivera;  Noemí Díaz Vázquez, profesora lesbiana visible de Bioloxía e Xeoloxía, integrante da Rede Educativa de  Apoio  LGBTI+ de Galicia e colaboradora de diarios nacionais; Marta Herráiz, fundadora de  LesWorking, a primeira rede profesional internacional para mulleres lesbianas e codirectora xeral de  REDI, a rede empresarial pola diversidade e inclusión LGBTI en España; Luis  Arean, xornalista e membro fundador do Grupo de Minorías Sexuais de Amnistía Internacional España, e Xácia Ceive, norteamericana transexual asentada en Galicia e creadora do proxecto Sete Outeiros.

“O cartel de participantes é de primeiro nivel”, sostivo o concelleiro, que abordará, entre outros temas, a orientación sexual e a identidade de xénero. Neste espazo compartirán ademais, as súas propias experiencias en situacións e momentos cronolóxicos diferentes, e falarán do que significa para eles a súa opción de vida emocional, sexual ou afectiva.

Á presentación do festival asistiu tamén asistiu Isabel Lozano, membro de Derribando Murallas, que convidou á participación.

 ‘De perdidos, ó Miño’ celebrarase o 6 de maio, a partir das 18.00 horas, e pecharase coa actuación en directo de RIQUINHA  DJ, residente na sala BLOOM de Santiago.

Audio

  • Mauricio Repetto, sobre a primeira edición de ‘De perdidos, ao Miño’ | Descargar mp3

Noticias relacionadas