Entrega dos diplomas aos nenos e nenas participantes no VII Cursos Primavera Segura do Parque Infantil de Tráfico

Venres, 01 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Entrega dos diplomas aos nenos e nenas participantes no VII Cursos Primavera Segura do Parque Infantil de Tráfico

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Educación, Manuel Núñez, participaron na entrega este venres dos diplomas de participación aos 50 nenos e nenas de entre 8 e 14 anos de idade que asistiron ás actividades dos VII Cursos Primavera Segura, impartidos no Parque Infantil de Tráfico (PIT) do Concello durante os meses de abril e maio. Os rapaces e rapazas recibiron tamén como agasallo un lapis de memoria. No acto tomaron parte así mesmo Ángel Álvarez, representante da Xefatura Provincial de Tráfico, Jesús Losada, un dos monitores do PIT, e representantes da Corporación.

Con esta iniciativa, o Concello, coa colaboración da Dirección Xeral de Tráfico, continúa fomentando a educación viaria entre os nenos e nenas, co obxectivo de que adquiran condutas seguras como peóns e viaxeiros, e como usuarios do transporte público e privado, así como aspectos sobre tráfico, hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, e situacións de tráfico reais. En grupos de 15, reciben formación teórica e práctica durante máis dunha semana en cada edición das actividades.

Precisamente hoxe abriuse o prazo de inscrición nos cursos de educación viaria de verán, que tamén terán lugar no PIT. Pode facerse tanto no Parque Infantil de Tráfico como na Dirección Xeral de Tráfico.

Noticias relacionadas