Concello, Deputación e ALUCEM ofrecen unha xornada sobre esclerose múltiple con motivo do Día Mundial da enfermidade

Ana Abelleira, Sonsoles López e Rachel Feliciano presentaron esta cita, que se celebrará no Hopistal do Lucus Augusti o 25 de maio, dende ás 16:00 a 20:00 horas

Nesta ponencia participarán a neuróloga Laura Ramos Rúa; a fisioterapeuta Alba Fernández Lodeiro; a psicóloga Diana Blanco Jiménez, e para rematar a xornada a avogada Elba Cabo Ramos que explicará a "Incapacidade Legal"

Luns, 21 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e ALUCEM ofrecen unha xornada sobre esclerose múltiple con motivo do Día Mundial da enfermidade

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, a Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López, e a Presidenta de ALUCEM, Rachel Feliciano, presentaron este luns no Pazo de San Marcos as I Xornada de Sensibilización sobre Esclerose Múltiple que terá lugar o 25 de maio, no Salón de Actos do Hospital Lucus Augusti de Lugo, para conmemorar o Día Mundial da Esclerose Múltiple. Trátase da cita médica organizada por ALUCEM, coa colaboración de Concello e Deputación de Lugo, na que participarán profesionais e expertos relacionados coa enfermidade.

No acto, Ana Abelleira felicitou a ALUCEM polo seu traballo ao longo destes anos, e envioulle unha mensaxe de optimismo. “Dende todas administracións debemos involucrarnos para axudar aos doentes e as súas familias para que saiban que non están sós, e dende o Concello vamos a seguir colaborando con eles”.

Pola súa banda, Sonsoles López remarcou o compromiso do Goberno da Deputación “con todo o tecido asociativo lucense, e nomeadamente, con entidades como ALUCEM, que traballan para dar visibilidade a esclerose múltiple que afecta a unhos 3.000 galegos, dos que mais de 400 son da provincia de Lugo”.

A Deputada demandou á Xunta de Galicia “que mellore os servizos públicos para atender ás persoas con esta enfermidade, pois os que hai son insuficientes, obrigando a colectivos como ALUCEM a buscar fondos e axuda doutras administracións, coas que ofrecer prestacións fundamentais para a atención diaria das familias”.

O Executivo Provincial destina 10.000 euros a este colectivo para a contratación dun fisioterapeuta que ofrece este servizo de recuperación a máis de 85 lucenses con esclerose múltiple. Esta entidade sen ánimo de lucro traballa a través de  talleres e cursos para mellorar a calidade de vida dos enfermos. Ademais contan con servizo de rehabilitación, traballo social e terapia ocupacional, así como servizo de información, orientación e asesoramento ás familias

Para rematar, a Presidenta de ALUCEM, Rachel Feliciano, sinalou que as ponentes desta xornada, todas mulleres “ofreceran ferramentas tanto para os doentes, como para as súas familias desta enfermidade”. Nese senso convidou a todos os interesados e afectados a participar nela, “xa que pretende ser unha cita proactiva, é dicir, quere axudar a convivir coa esclerose da mellor maneira posible, enfrontala e seguir adiante”, sinalou.

4 mulleres na I Xornada de sensibilización

A primeira xornada de sensibilización sobre esta enfermidade celebrase este venres día 25, no salón de actos do HULA, dende ás 16:00-20:00 horas. Participarán a neuróloga Laura Ramos Rúa, co relatorio "Esclerose Múltiple: Qué é e como se trata?; Alba Fernández Lodeiro que falará do Rol da fisioterapia na Esclerose Múltiple; a psicóloga Diana Blanco Jiménez co relato "Esclerose Múltiple: Un enfoque psicolóxico", e para rematar a xornada a avogada Elba Cabo Ramos explicará a "Incapacidade Legal".

ALUCEM

A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple de Lugo é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa en toda a provincia de Lugo, na que están integrados unhas 85 persoas. Esta asociación foi creada no ano 1996 por un grupo de persoas interesadas en coñecer máis esta doenza e mellorar a investigación neste eido. Un dos obxectivos principais desta asociación é a de levar a cabo un proceso rehabilitador de todas as persoas afectadas de Esclerose Múltiple. Outro dos obxectivos que persegue ALUCEM é o de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas, adecuando os recursos á súa individualidade e a un estilo de vida activo.

Noticias relacionadas