A concellería de Xuventude organiza dúas xornadas gratuítas de ‘laster tag’, unha actividade deportiva de destreza e habilidade

A iniciativa, que terá lugar os días 10 e 17 de setembro, enmárcase na programación do +Xti, subvencionada polo Plan Nacional sobre Drogas.

Mauricio Repetto: “Trátase dunha proposta de gran éxito e atractivo entre a mocidade, posto que combina deporte e tecnoloxía ao aire libre”.

En total haberá 160 prazas dispoñibles, 80 por día. Para participar será necesario inscribirse previamente na web www.lugomasxti.org

Venres, 02 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Xuventude organiza dúas xornadas gratuítas de ‘laster tag’, unha actividade deportiva de destreza e habilidade

A área de Xuventude, que dirixe o edil Mauricio Repetto, organizará este mes dúas xornadas gratuítas de laser tag. Esta actividade consiste nun xogo deportivo de destreza e habilidade por equipos, no que poderán participar os mozos e mozas lucenses de entre 14 e 35 anos. Así o avanzou o concelleiro, quen subliñou que “se trata dunha actividade de gran éxito e atractivo entre a mocidade, posto que combina deporte e tecnoloxía ao aire libre”.

As xornadas, que terán lugar os días 10 e 17 de setembro, en horario de 10:00 a 20:00 horas, na parcela da casa da Xuventude, enmárcanse na programación do +Xti, subvencionada polo Plan Nacional sobre Drogas. Para participar será necesario inscribirse previamente na web www.lugomasxti.org. Haberá un total de 160 prazas dispoñibles, 80 para cada día. Os menores deberán levar unha autorización firmada.

Os participantes dividiranse por grupos, preferentemente de 4 persoas, distribuídos en distintas quendas, en franxas dunha hora de duración. A actividade simula unha especie de combate entre dous equipos, aínda que presenta distintas posibilidades e tipos de xogos, onde os xogadores tratan de acadar puntos por medio dos seus marcadores, tratando de acadar uns obxectivos.

Todos os xogadores contarán cun vangardista equipo electrónico que consiste en tecnoloxía infravermella. Débese facer branco nos inimigos do equipo ou equipos rivais. Con eles vanse conseguindo puntos. A diferenza do paintball, non se disparan bólas de pintura. Cada marcador leva un procesador interno que emite sinais de referencia por infravermellos e cada xogador unha cinta que indica a súa posición exacta. Todos os datos son procesados por un sofware de control e puntuación.

A cinta ou a marcadora emite son e vibra no mesmo momento que un xogador é alcanzado. Este tipo de marcadoras para xogar en exterior son novas, podéndoas utilizar en calquera lugar (bosques, parques, zonas urbanas) xa que ao funcionar con infravermellos non deixa pegada e non mancha, a actividade é totalmente inofensiva e non deixa residuos no medio ambiente. Os xogos láser son un paso adiante respecto o paintball, segue a aventura, a estratexia e a emoción pero sen impactos nin voluminosas proteccións, todo dunha maneira máis simple e apto para todas as condicións físicas.

A actividade comezará nunha zona de recepción, na que un/unha monitor/a ofrecerá as oportunas explicacións ós participantes sobre en que consisten as actividades. Todo o material é desinfectado entre proba e proba.

Na parcela da Casa da Xuventude instalarase o campo de xogo, que contará con obstáculos para facer máis entretida a proposta.

Noticias relacionadas