A concellería de Medio Ambiente anima a solicitar o servizo gratuíto de limpeza de fachadas, que atendeu 118 solicitudes

O edil Miguel Fernández di que todas as peticións das casas e edificios privados son tramitadas e lembra á cidadanía que debe achegar a documentación completa.

As pintadas existentes no casco histórico elimínanse de forma periódica tres veces ao ano, independentemente de que o soliciten ou non.

Venres, 23 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Medio Ambiente anima a solicitar o servizo gratuíto de limpeza de fachadas, que atendeu 118 solicitudes

O tenente de alcaldesa e edil responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández, informou de que neste mandato, o Concello de Lugo atendeu 118 solicitudes de limpeza de fachadas de casas e edificios privados a través do servizo gratuíto que ten en marcha.

Fernández anima á veciñanza a chamar a este servizo para, entre todos, manter unha imaxe pulcra da cidade, e sostén que todas as peticións se tramitan. Non obstante, lembra que a cidadanía debe achegar a documentación completa para poder atendelas. 

Para solicitar o servizo é necesario cubrir o impreso que figura na ligazón da páxina web do  concello: http://concellodelugo.gal/gl/tramites/limpeza-de-fachadas. Debendo achegar a solicitude debidamente cumprimentada e a documentación acreditativa da propiedade ou representación da comunidade de propietarias e propietarios do edificio.

As rúas máis afectadas froito deste tipo de vandalismo en diferentes elementos da vía pública -muros, portas, paredes, fachadas, etc. -son as do centro da cidade, o barrio da Tinería e os parques públicos. Respecto ás pintadas existentes no casco histórico, está estipulado polo servizo que se limpe de forma periódica tres veces ao ano, independentemente de ter ou non informe.

O edil sinala que este servizo de limpeza é necesario para que Lugo poida atender, de forma inmediata e cos medios adecuados, situacións que afean a cidade como as pintadas nas fachadas. A súa eliminación ten unhas características propias e independentes da limpeza viaria, e require de coñecementos específicos sobre pintura, disolventes, materiais e equipos.

Dende a concellería de Medio Ambiente lembran que os cidadáns dispoñen dun teléfono de atención, que é gratuíto (900909671) para calquera dúbida ou consulta.

Noticias relacionadas