Alexandre Penas: “este mércores retomarase a colocación do busto de Xoán Montes na praza Maior”
Comezará tamén a limpeza do entorno do auditorio municipal para comezar a pavimentación
- Tema

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou de que mañá se reactivarán dúas actuacións que foran detidas debido á crise sanitaria do COVID-19. Segundo declarou Alexandre Penas, “retomaranse os traballos de colocación do busto de Xoán Montes na praza Maior e comezará a limpeza do entorno do Auditorio Municipal Gustavo Freire”.
O traslado do busto de Xoán Montes faise por iniciativa de varios colectivos culturais de Lugo, e ten o obxectivo de resituar a figura do músico no centro de Lugo. “A ubicación elixiuse dado que o propio Xoán Montes desenvolveu boa parte da súa actividade musical no quiosco da música da praza Maior, o Círculo das Artes e a Catedral”, lembrou Alexandre Penas.
A empresa Ovisa comezará mañá os traballos de limpeza para posteriormente asfaltar o entorno do Auditorio Municipal Gustavo Freire. Alexandre Penas afirmou que se trata “dunha actuación necesaria, e pedida polas persoas usuarias tanto do Auditorio coma do parque da Milagrosa, debido ao estado de deterioro no que se atopa actualmente”. “Ademais, esta actuación servirá tamén para ampliar o espazo do mercado de Frigsa”, afirmou Alexandre Penas.
Audio
- O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, sobre o reinicio das actuacións en infraestruturas | Descargar mp3