O Concello de Lugo recepciona o aparcadoiro da avenida Breogán

A infraestrutura, cuxa posta en marcha acumula máis dun ano de retraso non puido abrirse anteriormente ao non reunir as condicións mínimas esixibles para a súa entrada en servizo.

O alcalde Miguel Fernández sinalou  que “resultado final difiere do proxecto anunciado e carece das prazas para carga de vehículos eléctricos e do sistema de vixiancia anunciado, pero a súa posta en marcha non se pode demorar máis”.

“A nosa prioridade foi sempre defender o interese da veciñanza e garantir que as infraestruturas que se incorporan ao patrimonio municipal cumpren cos estándares mínimos de calidade e funcionamento”, subliñou.

Venres, 27 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo recepciona o aparcadoiro da avenida Breogán

O Concello de Lugo formalizará de xeito inminente a recepción do aparcadoiro da avenida Breogán tras a subsanación, por parte da Xunta de Galicia, das deficiencias detectadas polos servizos técnicos municipais durante o proceso de comprobación previo á súa posta en funcionamento.

A infraestrutura, que acumula máis dun ano de retraso por deficiencias na súa execión non puido ser recepcionado polo Concello ao longo de todo este tempo ao non reunir as condicións mínimas esixibles para a súa entrada en servizo, circunstancia que obrigou a prolongar o proceso ata garantir o correcto estado das instalacións, ampliará a oferta de estacionamento nunha zona con elevada demanda.

Entre os traballos realizados pola Xunta figurou a limpeza integral do colector DN800 existente na zona, operacións adicionais de mantemento e unha nova inspección mediante videocámara, que requiriu a obturación e desvío temporal do fluxo para comprobar o estado da condución. Así mesmo, acometéronse actuacións de mellora nas zonas verdes, que incluíron labores de desbroce e sega, achega e perfilado de terra vexetal, sementeira das áreas sen céspede, abonado e plantación de novas especies arbóreas e arbustivas, ademais doutras limpezas e axustes complementarios executados nos últimos meses.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que “o Concello actuou con rigor e responsabilidade en todo momento e non estaba disposto a recepcionar unha obra que presentaba deficiencias relevantes”. O rexedor explicou que os informes técnicos municipais permitiron acreditar que o aparcadoiro non cumpría inicialmente cos requisitos necesarios, polo que se esixiu á administración autonómica a execución das actuacións correctoras correspondentes.

“A nosa prioridade foi sempre defender o interese da veciñanza e garantir que as infraestruturas que se incorporan ao patrimonio municipal cumpren cos estándares mínimos de calidade e funcionamento. O resultado final difiere do proxecto anunciado e carece das prazas para carga de vehículos electricos e do sistema de vixiancia previsto, pero a súa posta en marcha non se pode demorar máis”, subliñou.

Deste xeito, xa culminados os trámites administrativos, o Concello incorporará o aparcadoiro á rede municipal de estacionamento disuasorio, contribuíndo a mellorar a mobilidade urbana e a ofrecer novas alternativas de aparcamento tanto para residentes como para usuarios dos equipamentos e servizos da contorna.

Noticias relacionadas