A Concelleira de Xuventude presentou algunha das novidades do Arde Lucus 2010

Xoves, 20 de maio de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, presentou algunhas das novidades previstas para a nova edición do Arde Lucus que terá lugar entre o 25 e o 27 de xuño.

Rielo explicou que a primeira das novidades é o incremento dos premios dos concursos de escaparates, de locais e de personaxes romanos e castrexos (individual e de grupo). O prazo para inscribirse será ata o 12 de xuño.

A Concelleira indicou que “este ano ampliamos os premios dun xeito bastante considerable con respecto ao ano pasado, temos máis de 3.000 euros en premios fronte aos 2.000 do ano anterior como resposta ao esforzo da xente para mellorar as caracterizacións”.

Os premios serán os seguintes:
- Decoración de escaparates : primeiro premio de 300 euros, segundo de 200 e terceiro de 100.
- Decoración de locais: primeiro premio de 300 euros, segundo de 200 e terceiro de 100.
- Personaxes: Grupo: 500, 300 e 100 euros para o primeiro, segundo e terceiro premio. Na categoría individual: infantil o primeiro premio será unha consola, o segundo unha cámara de fotos e o terceiro un mp3; e para os adultos primeiro premio de 300 euros, segundo de 200 e terceiro de 100.

Outra das novidades deste ano será a creación dun novo comedor na rúa. Segundo explicou a Concelleira, “o inmenso éxito acado polo comedor romano da praza da Soidade do ano pasado fixo que queiramos potenciar aínda máis este proxecto”. Por iso, este ano crearase un novo espazo na praza de Anxo Fernández Gómez baixo o nome de Recuncho de Lita que se converterá nun comedor celta. A Concelleira anunciou que proximamente serán publicadas as bases do concurso para a adxudicación dos postos no BOP.

Tapitorum
Rielo explicou que outra das iniciativas que se levarán a cabo este ano será a primeira ruta de tapas e cócteles romanos e castrexos: o Tapitorum. O obxectivo é potenciar aínda máis a implicación dos hostaleiros da cidade, os que máis se benefician da celebración da festa.

A ruta irá incluída na revista do programa do Arde Lucus da que se editarán un total de 7.000 exemplares. Os interesados en participar poderán presentar no rexistro do Concello a idea da súa tapa ou cóctel ata o 3 de xuño. Os seleccionados recibirán unha pegatina identificativa como colaborador do Arde Lucus.

Web do Arde Lucus
Por outra banda, a Concelleira presentou a nova páxina web do Arde Lucus que estará en funcionamento desde o vindeiro luns 24 de maio na dirección www.ardelucus.com. “O que queremos é facer un maior esforzo para levar o Arde Lucus un pouco máis aló, sobretodo no referente ás novas tecnoloxías”.

O novo portal contará con apartados nos que se poderán visitar as localizacións da festa, fotos de anos anteriores, encontrar locais e comercios nos que mercar elementos para caracterizarse da época, a historia da festa, carteis e programas de edicións anteriores, as asociacións creadas para a recreación histórica, así como descargarse a música, vídeos e fondos de pantalla da festa.

www.ardelucus.com

 

Multimedia

Noticias relacionadas