Camiño Primitivo, río Miño e humanización do espazo urbano, principais apostas da Axenda 21 Local ata 2015

Venres, 29 de xuño de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O novo texto, aprobado onte polo Foro da Sustentabilidade, actualiza as liñas de traballo do Concello nos vindeiros anos en materia medioambiental, social, económica e de participación cidadá

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, anuncia para este mandato un proceso para gañar espazo público mediante peonalizacións e obras de rexeneración urbana

A aposta por converter o Camiño Primitivo nun atractivo turístico e económico, a valorización do río Miño para o seu uso social como espazo de lecer, o aproveitamento económico dos montes na zona rural e a humanización da cidade mediante peonalizacións son as principais propostas do novo documento da Axenda 21 Local, que foi aprobado onte polo Foro da Sustentabilidade. A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, presentou hoxe as conclusións deste documento, que recolle as achegas cidadás e de distintos colectivos recibidas nos últimos meses.

Segundo indicou Paz Abraira, que agradeceu a participación de asociacións de veciños, asociacións ecoloxistas, colectivos sociais e sectoriais e cidadáns a título individual, trátase dun “documento aberto e vivo” que debe ser revisado cada catro anos para “adaptar e actualizar as prioridades e fixar as liñas de traballo para cada mandato”. Agora, a intención é que este texto elaborado coas propostas dos cidadáns sexa adoptado como guía de traballo pola Corporación Municipal, defendeu a concelleira nacionalista.

Entre as prioridades fixadas polos cidadáns neste documento estarían a recuperación do Camiño Primitivo e o seu uso como atractivo turístico e económico coa creación dun centro de visitantes. No eido turístico e ambiental estaría tamén a posta en valor do río Miño e a súa recuperación como espazo de ocio e lecer para os lucenses. Dende o punto de vista económico figura o aproveitamento da zona rural do concello como foco de emprego mediante a produción e comercialización de produtos agrarios e gandeiros e a diversificación do monte en colaboración coas 29 comunidades de Montes Veciñais en Man Común existentes no concello. Finalmente, no ámbito urbano, o documento aposta pola humanización de rúas e prazas mediante procesos de peonalización e rexeneración urbana, así como a aposta polo transporte público e a bicicleta en detrimento do coche para os desprazamentos.

Documento máis “realista” que o aprobado en 2007

Este documento, que recolle medidas a executar ata 2015, “é máis realista que o elaborado en 2007 porque o centro das preocupacións dos cidadáns nestes momentos é que se atendan as necesidades básicas da poboación mediante un reforzamento dos servizos sociais; todos os cidadáns entenden que iso é o prioritario”, indicou Paz Abraira, que deu a coñecer o documento esta mañá xunto ao Templete da Música na Praza Maior, “por ser o principal espazo público da cidade e emblema nos últimos tempos da participación e das reivindicacións da cidadanía”, explicou a concelleira nacionalista.

Este novo documento actualiza as liñas de actuación para este mandato fixadas no documento da Axenda 21 aprobado no ano 2007 e fixa novas prioridades tendo en conta a actual situación de crise económica, que variou substancialmente os problemas máis acuciantes que ten hoxe a cidadanía. Recóllense propostas sobre emprego e desenvolvemento económico, ordenación do territorio, participación cidadá e conciencia comunitaria, servizos sociais e sanitarios e medio ambiente.

Principais propostas cidadás

Entre as principais propostas cidadás recollidas no novo documento estarían:

- creación dunha gardería na zona industrial Ceao-Gándaras.

- reforzar os servizos sociais de atención primaria optimizando ao máximo os recursos existentes e dar prioridade a accións destinadas a manter cubertas as necesidades básicas como alimentación, hixiene, vestido e vivenda daquelas persoas que vexan mermado o seu nivel económico e corran risco de exclusión.
- reutilización das dotacións do Hospital de San Xosé para outros usos públicos e das dotacións do hospital vello no barrio da Residencia para outros usos sociosanitarios.

- mellora do Fogar do Transeúnte e creación dunha Casa Aberta destinada ás persoas sen teito.

- posta en valor do monte como recurso económico e medioambiental mediante a diversificación dos usos do monte como oportunidade produtiva e colaboración coas comunidades de Montes Veciñais en Man Común existentes no concello.

- creación dun rexistro de produtores e dinamización do Mercado de Abastos como espazo de comercialización dos produtos locais.

- reconfiguración progresiva das rúas da cidade para facelas con beirarrúas e paseos máis amplos, gañando espazo para as persoas.

- peonalización progresiva da totalidade do casco histórico e cumprimento estrito do mesmo nas áreas delimitadas.

- campañas de fomento da utilización da bicicleta nos desprazamentos habituais e implantación progresiva de novos puntos de préstamo de bicicletas, aparcadoiros e creación de carrís-bici.

- creación dun centro de interpretación do río Miño dende o punto de vista natural, cultural e social, que recolla embarcacións, artes de pesca, caneiros, flora, fauna, etc.

- recuperación e posta en valor do Camiño Primitivo a través da creación dun centro de visitantes e da realización de roteiros interpretativos.

- recuperación dos antigos Camiños Reais nas parroquias rurais coa finalidade de integralos na rede de sendeiros e fomentar o turismo rural en colaboración coas casas de turismo rural do entorno.

www.lugo.es/ws/axenda21

 

Multimedia

Noticias relacionadas