O Concello mobilizou para o dispositivo a unha vintena de axentes da Policía Local, efectivos da Policía Nacional, e persoal de Protección Civil e do servizo municipal de Deportes.
A 19ª edición do emblemático e concorrido circuíto Larsa Corre con Nós, que impulsa o Concello de Lugo, arranca mañá sábado coa carreira Noctura Monumental, na que se inscribiron máis de 2.700 persoas. Para a celebración desta importante cita deportiva, a entidade local organizou un dispositivo para o que mobilizou a unha vintena de axentes da Policía Local –entre as quendas e os reforzos-, efectivos da Policía Nacional, e persoal de Protección Civil e do servizo municipal de Deportes.
Como é habitual, a Alcaldesa, Lara Méndez, e o voceiro municipal e Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, asistirán á carreira, que inclúe catro categorías: minibenxamíns, benxamíns, infantís e adultos. Arrancará ás 18:00 horas coa proba dos máis pequenos, que consiste nunha volta á Praza Maior. Ás 18:10 sairán os benxamíns da Praza Maior para continuar por Campo Castelo, Ronda da Muralla, Anxo López Pérez, Ramón Ferreiro (ida e volta), rúa Vilalba e Bispo Aguirre e rematar na Praza Maior. Ás 18:20 teñen a saída os participantes na categoría de infantís, co seguinte percorrido: Praza Maior, Campo Castelo, Ánxo López Pérez, Ramón Ferreiro (ida e volta), Rodríguez Mourelo (ida e volta), rúa Vilalba, Bisbo Aguirre e Praza Maior. No caso dos adultos, partirán ás 19:00 horas do fondo da Praza Maior para cubrir dúas voltas do seguinte itinerario: Campo Castelo, Anxo López Pérez, Ramón Ferreiro (ida e volta), Rodríguez Mourelo (ida e volta), rúa Vilalba, Bispo Aguirre e Praza Maior.
Toda a información sobre esta carreira e todas as incluídas no circuíto Corre con Nós desta edición está a disposición dos participantes nunha app gratuíta e na web www.correconnos.com