A área de Transición Ecolóxica pechará os parques da cidade a última hora da tarde ante a chegada mañá dunha fronte con refachos de vento de ata 100 km/h e fortes choivas

Martes, 31 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A área de Transición Ecolóxica e Impulso Rural, que dirixe Miguel Fernández, informa de que ao longo desta tarde procederá a pechar os parques da cidade ante a chegada dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel amarelo, por choiva, que pode superar os 40 mm en 12 horas, e ventos, que deixarán previsiblemente refachos de ata 100 km/hora na zona centro da provincia de Lugo ao longo da xornada de mañá.

Dende Transición Ecolóxica explícase que operarios dos servizos municipais procederán a precintar os recintos de Rosalía de Castro, Marcos Cela e A Milagrosa, quedando prohibida a entrada aos mesmos dende ese momento. Así mesmo, recoméndase non acceder a outros parques da cidade, zonas verdes ou parques infantís nos que haxa arboredo por precaución.

Ademais, Miguel Fernández fixo un chamamento á cidadanía para pedirlle que respecten estas limitacións, evitando correr riscos innecesarios para non poñer en perigo a súa seguridade. O
edil recordou que, ante esta situación, recoméndase reducir os desprazamentos por estrada debido a posibles obstáculos na vía, bolsas de auga e zonas asolagadas. Dado que se prevé que o fenómeno sexa especialmente intenso a medida que avance a tarde, en caso de ter que viaxar, a veciñanza procure evitar facelo a partir de primeira hora da tarde de mañá, como así indican dende a Aemet.

Noticias relacionadas