Entre as primeiras notificacións figuran os soares do barrio Feijoo, Fontiñas ou Xulia Minguillón contra os que cursan denuncias formais da veciñanza
O edil Álvaro Santos explica que de non atender aos requirimentos iniciais o Concello asumirá a execución subsidiaria da roza, con cargo aos propietarios, previa imposición de sancións que irán entre os 1.000 e os 10.000 euros

O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, vén de asinar esta mañá 23 ordes de execución instando aos propietarios doutras tantas parcelas a limpalas e eliminar a maleza que non só invade os seus terreos senón tamén os alleos e mesmo a vía pública.
“Na rúa San Lorenzo - no barrio Feijoo -, na Rúa Nova, Xulia Minguillón, Troneiro, Tres Marías, en Fontiñas e tamén en Alcalde Manuel Portela - parte traseira de Flor de Malva -, en Camiño Real e, xa na zona rural, en Carballido, Conturiz, San Xoan do Alto, o Veral ou Santiago de Meilán. En todas estas localizacións existen soares privados sobre os que pesan denuncias relacionadas coa súa falta de aseo e de salubridade o que, á súa vez, deriva en molestias para os residentes na contorna”, detallou o edil.
“Unha desatención que dende o Concello interpelamos a corrixir, primeiro pola vía da notificación pero, se esta non resulta suficientemente convincente, tamén pola da sanción e a da intervención subsidiaria”.
Santos Ramos lembrou que a Lei do Solo de Galicia é meridianamente clara no que ten que ver cos deberes de uso e conservación dos bens privados. “O artigo 135 recolle con concreción que os donos de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións deberán mantelos nas condicións legais para servir de soporte a ditos usos e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles. Polo que, de non respectar o sinalado na lexislación autonómica vixente, a área de Medio Ambiente procederá a incoar o correspondente expediente”.
O concelleiro explicou que, logo de trasladar unha notificación aos titulares da propiedade desatendida, o procedemento continuará, co trámite de audiencia polo prazo de 15 días, ben para que se formulen as alegacións que estimen oportunas e presenten os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, ben para que executen as actuacións sinaladas.
“Agardamos que o escrito inicial sexa estímulo suficiente para que se proceda á roza do predio, garantindo o seu acondicionamento libre de residuos, incluído, se cómpre acometelas, a súa desifección ou desratización xa que, de non ser así – abondou Álvaro Santos - o Concello procederá, a continuación, á súa execución forzosa de forma subsidiaria, con cargo aos obrigados e mesmo coa imposición de multas coercitivas que irán dos 1.000 aos 10.000 euros, reiterables trimestralmente, ata lograr a execución das obras ordenadas que serán inspeccionadas polos servizos municipais correspondentes”, indicou.
Necesidade de interpoñer unha denuncia oficial
O responsable de Medio Ambiente sinala que estes primeiros requirimentos cursáronse atendendo á antigüidade das denuncias e avanza que, nos vindeiros días, tramitaranse novos procedementos segundo o mesmo criterio de data de entrada no Rexistro. Santos aproveitou para facer, tamén, un chamamento á cidadanía prexudicada por situacións similares e instounos a deixar constancia de forma oficial das súas queixas para posibilitar a actuación da administración local.
Audio
- O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre os expedientes sobre maleza (I) | Descargar mp3
- O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre os expedientes sobre maleza (II) | Descargar mp3