Miguel Fernández reuniuse cos veciños acompañado polo xefe do Servizo de Medio Ambiente para avaliar cuestións vinculadas á drenaxe, a mobilidade e a seguridade viaria.
“Estar no territorio permítenos anticiparnos, contrastar información e coordinar mellor o traballo das distintas áreas e administracións”, sinalou o alcalde, Miguel Fernández.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo onte un encontro coa veciñanza da Campiña no marco do contacto habitual do Goberno local co territorio, co obxectivo de coñecer de primeira man diversas cuestións que afectan a esta área periurbana e analizar posibles liñas de actuación. Na reunión estivo acompañado polo xefe do Servizo de Medio Ambiente, Miguel Negral.
“Este tipo de encontros axúdannos a ter unha visión máis completa da realidade, mellorar a planificación e coordinar mellor o traballo das distintas áreas municipais, especialmente en ámbitos nos que as competencias están compartidas”, destacou Fernández.
Durante a reunión abordáronse, especialmente, cuestións relacionadas coa xestión da auga e episodios de inundacións rexistrados na zona. Neste senso, analizouse a posible incidencia de actuacións que se están a desenvolver no polígono próximo, promovidas por outras administracións, e a necesidade de estudar conxuntamente o comportamento das escorrentías e o seu impacto nas vivendas. Trátase dun ámbito no que concorren competencias do Concello, da Xunta de Galicia, da Confederación Hidrográfica e do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, polo que a coordinación institucional resulta clave.
Ademais, durante a visita ao entorno tamén se trataron outras cuestións relacionadas coa mobilidade e a seguridade viaria, como o estado dos viarios, a ordenación do tránsito peonil ou a dotación de elementos de protección e servizo, todas elas no marco do seguimento ordinario que realizan os servizos municipais competentes.
O alcalde subliñou que “escoitar á veciñanza forma parte do xeito de gobernar, pero sempre desde unha planificación clara e un traballo continuo dos servizos municipais, que é o que garante respostas eficaces e sostibles no tempo”. Nese senso, destacou que “o Goberno local traballa para levar melloras a cada barrio e a cada parroquia, cunha visión global pero atendendo ás necesidades concretas de cada zona, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e construír un concello máis equilibrado e cohesionado”, concluíu o alcalde.


