As tenentas de alcalde de Cohesión Social, Olga López Racamonde, e da Área de Xestión de Recursos Internos, Ana González Abelleira, acompañaron esta mañá á Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo na concentración celebrada diante da Casa do Concello.
Durante o encontro posterior no Salón de Plenos abordáronse cuestións como as pensións, a sanidade e o funcionamento do Consello do Maior, un órgano clave de participación das persoas maiores no deseño das políticas públicas.
“O Concello ten claro que as persoas maiores son unha prioridade e imos poñer en marcha de forma inminente o Consello do Maior para que teñan unha voz activa e directa nas decisións que lles afectan”, subliñou a concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde.

O Goberno local de Lugo acompañou esta mañá á Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo na mobilización convocada diante do Concello, na que as persoas participantes trasladaron diversas reivindicacións relacionadas coas pensións, a atención sanitaria e a defensa dos servizos públicos. Na concentración estiveron presentes as tenentas de alcalde de Cohesión Social, Olga López Racamonde, e da Área de Xestión de Recursos Internos, Ana González Abelleira, que amosaron o seu apoio ás demandas expostas.
Tras a mobilización, e de maneira espontánea, as responsables municipais ofreceron ás persoas representantes da asociación manter unha reunión no Salón de Plenos do Concello, co obxectivo de escoitar de primeira man as súas preocupacións e abrir un espazo de diálogo directo. Neste encontro, Olga López Racamonde subliñou que “as persoas maiores teñen que estar no centro das políticas públicas” e insistiu en que “é fundamental garantir espazos reais de participación nos que poidan expresar as súas necesidades e contribuír á toma de decisións que lles afectan directamente”.
Un dos asuntos centrais da reunión foi o Consello do Maior, un foro de participación que permitirá incorporar a visión das persoas maiores ao deseño das políticas municipais. Neste senso, Olga López Racamonde informou de que se están ultimando os trámites administrativos necesarios para a súa posta en funcionamento, que será inminente, e destacou que “non se trata dun órgano simbólico, senón dunha ferramenta útil para construír políticas máis xustas e adaptadas á realidade”.
“O Consello do Maior vai permitir sumar ás asociacións de persoas maiores, ás administracións, aos sindicatos e ao tecido asociativo nun espazo común de traballo”, explicou a concelleira, que puxo en valor a experiencia e o coñecemento deste colectivo. “Queremos escoitar, dialogar e actuar, porque só así se poden dar respostas eficaces ás necesidades das persoas maiores”, engadiu.
López Racamonde reiterou ademais o compromiso do Goberno local de traballar e interceder en todas aquelas reivindicacións nas que o Concello ten competencias, así como de apoiar institucionalmente aquelas demandas que dependen doutras administracións. “Seguiremos defendendo os dereitos das persoas maiores e facilitando que as súas demandas cheguen a todas as instancias necesarias”, concluíu.


