O Concello lembra que o novo acordo Xunta–Fegamp segue deixando nos municipios un custo que non lles corresponde, pese á subida progresiva ata 18 euros por hora.
Lugo continúa cunha lista de agarda de 618 persoas no SAF de dependencia e asumindo competencias impropias para garantir atención ás persoas maiores.
“O acordo recoñece por fin o infrafinanciamento, pero segue sendo insuficiente: a Xunta debe asumir o que marca a lei”, afirma Olga López Racamonde.

O Goberno local defenderá no Pleno deste mes unha proposición para reclamar á Xunta de Galicia que cumpra coa normativa vixente e financie o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) conforme ao custo real do servizo, garantindo que a administración autonómica asuma a diferencia entre o prezo total e a achega das persoas usuarias. A proposta inclúe tamén a esixencia de que a Xunta dote de inmediato as horas precisas para eliminar a lista de espera no municipio, que a día de hoxe afecta a 618 persoas dependentes.
“O acordo recoñece por fin o infrafinanciamento, pero segue sendo insuficiente: a Xunta debe asumir o que marca a lei”, afirmou a edila de Cohesión Social, Olga López Racamonde, quen subliñou que, mesmo co incremento pactado a través da Fegamp —que eleva a achega autonómica dos 12 euros actuais ata 16 este ano, 17 en 2027 e 18 en 2028—, “os concellos seguimos cubrindo a diferencia ata superar os 21 euros por hora, que é o custo real no caso de Lugo”. A responsable municipal insistiu en que “esta situación non se pode normalizar, porque supón financiar competencias que non corresponden ao ámbito local e desatender ás persoas maiores que agardan polos coidados aos que teñen dereito”.
López Racamonde lembrou que “o SAF de dependencia chega a finais de ano con 618 persoas en lista de agarda; é dicir, 618 persoas ás que se lles recoñeceu un dereito pero non se lles presta o servizo. Isto é unha vulneración clara do sistema de atención á dependencia”. A concelleira advertiu de que o estancamento nos prazos de valoración agrava o problema: “Seguimos coñecendo casos de persoas que levan anos agardando pola valoración e cando chega, chega tarde. É unha situación insostible que require unha reacción inmediata”.
A edila puxo de manifesto o impacto directo que esta parálise ten no Concello: “Para evitar que os nosos maiores queden desatendidos, vémonos obrigados a mobilizar recursos propios. O Goberno local inviste medio millón no SAF de libre concorrencia fronte aos 82.000 euros que aporta a Xunta, e destina cada ano arredor dun millón ao SAF de dependencia”. Lembrou ademais que, entre 2024 e 2029, o Concello terá que asumir máis de 34 millóns de euros neste servizo esencial, “un esforzo insostible que afecta xa á capacidade económica dos municipios”.
A proposta que chega a Pleno recolle expresamente que o SAF é unha prestación esencial do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia e que a lei galega atribúe á Xunta a responsabilidade última do financiamento e planificación. “Cando a Xunta regula pero non financia, obriga aos concellos a asumir unha carga que non lles pertence, e iso non só é inxusto, senón incompatible cun sistema público eficaz”, engadiu.
López Racamonde concluíu facendo un chamamento ao conxunto da corporación: “Agardamos que todas as forzas políticas se poñan do lado da veciñanza e defendan un financiamento xusto. Lugo non pode seguir asumindo en solitario aquilo que corresponde á Xunta”.


