Os traballos desenvolvéronse ao longo de toda a semana para garantir a correcta celebración dunha das feiras máis tradicionais do rural lucense.
O dispositivo mobilizou medios técnicos e persoais do servizo LuceLugo, con actuacións de limpeza, baldeo e desbroce na contorna do campo da feira.
O alcalde, Miguel Fernández, salienta que “a Feira de Entroido de Nadela é unha cita clave para o noso rural e desde o Concello traballamos para que se celebre nas mellores condicións”.

O Concello de Lugo, a través da área de Medio Ambiente, rematou o operativo municipal de limpeza e acondicionamento do campo da Feira de Nadela, unha actuación desenvolvida ao longo de toda a semana co obxectivo de deixar a contorna en óptimas condicións para a celebración da Feria de Entroido de Nadela.
Os traballos foron executados polo servizo municipal LuceLugo e permitiron mellorar tanto o espazo principal da feira como os seus accesos e elementos anexos, garantindo condicións adecuadas de limpeza, seguridade e funcionalidade tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, puxo en valor esta actuación e salientou que “a Feira de Entroido de Nadela é unha cita moi relevante para o noso rural, un punto de encontro que pon en valor as tradicións, os produtos e a identidade das parroquias”. Neste senso, explicou que “desde o Concello traballamos de maneira intensa e coordinada para que este tipo de celebracións se poidan desenvolver con normalidade e coa calidade que merecen”.
O operativo municipal contou cun importante despregue de medios técnicos e humanos. Entre as actuacións realizadas incluíuse a limpeza a presión das mesas, da marquesiña do autobús e dos contedores; o desbroce da zona con dous tractores e catro operarios dotados de desbrozadoras e sopladores; o baldeo mixto de lavado de toda a área do campo da feira; así como o paso da varredora para a limpeza final da contorna.
De xeito complementario, a brigada de rural levou a cabo tamén traballos paralelos de desbroce noutras zonas da parroquia, contribuíndo á mellora xeral do estado dos viais e dos espazos públicos, e reforzando a preparación do entorno no seu conxunto con motivo da celebración da feira.
Miguel Fernández destacou tamén que “este esforzo conxunto dos servizos municipais amosa a aposta do Goberno local polo coidado do rural e polo mantemento das celebracións tradicionais, que son unha parte esencial da vida social e económica do municipio”.
Con este operativo, o Concello de Lugo continúa a traballar na mellora dos espazos públicos e no apoio ás parroquias rurais, contribuíndo ao bo desenvolvemento dunha feira que é xa un referente histórico e cultural.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o acondicionamento do campo da Feira de Nadela | Descargar mp3

