Os axentes levaron a cabo nun curto periodo de tempo cinco destacadas actuacións de auxilio humanitario que poñen de manifesto a súa vocación de servizo público e o seu papel como primeiro recurso de atención ante situacións de emerxencia.
“ A actuación da nosa Policía resulta fundamental para mellorar a seguridade, non só a través das súas funcións tradicionais, senón tamén mediante unha intensa labor de atención, asistencia e apoio directo ás persoas”, sinalou o alcalde Miguel Fernández.

A Polícia local de Lugo consolídase como unha das primeiras ferramentas de intervención no auxilio cidadán. Así o sinala o balance das operacións realizadas nesta materia durante os últimos días. De feito, os axentes levaron a cabo nun curto peirodo de tempo cinco destacadas actuacións de auxilio humanitario que poñen de manifesto a súa vocación de servizo público e o seu papel como primeiro recurso de atención ante situacións de emerxencia social e sanitaria.
“É necesario destacar o gran traballo que está a desenvolver a Policía Local, un corpo ben dimensionado en recursos humanos e materiais, cuxa actuación resulta fundamental para mellorar a convivencia, a seguridade e a calidade de vida da cidadanía, non só a través das súas funcións tradicionais, senón tamén mediante unha intensa labor de atención, asistencia e apoio directo ás persoas”, sinalou o alcalde Miguel Fernández neste sentido.
Entre as intervencións realizadas destaca a asistencia a unha muller de idade avanzada que sufriu unha caída na vía pública, no centro da cidade, resultando ferida na cabeza e coa rotura das súas lentes. Os axentes prestáronlle atención inmediata e acompañárona, xunto ao seu fillo, ao centro hospitalario.
Así mesmo, na rúa Carril das Encrucilladas, a Policía Local colaborou co Servizo de Bombeiros para acceder a un domicilio no que un varón de 80 anos permanecía tendido no chan desde había horas, sen poder levantarse nin responder ao seu fillo. A rápida coordinación entre os servizos de emerxencia permitiu a súa atención médica urxente e o seu posterior traslado ao hospital.
Outra actuación relevante produciuse tras o aviso do servizo de teleasistencia domiciliaria, que alertou da caída dunha muller maior no baño da súa vivenda. Aínda que non presentaba lesións, non podía incorporarse polos seus propios medios. Debido á complexidade do acceso, foi necesaria a intervención do camión escaleira do Servizo de Bombeiros para entrar pola fachada do edificio. Unha vez no interior, os axentes axudaron á muller a reincorporarse e localizaron ao seu fillo, que se fixo cargo da situación.
Tamén na Praza Pío XII, a Policía Local atendeu a unha moza de 20 anos que se atopaba convulsionando no adro da Catedral. Os axentes aseguraron o perímetro e facilitaron o acceso dunha ambulancia do 061. A moza presentaba un elevado estado de axitación, presumiblemente derivado do consumo de substancias, e foi trasladada ao HULA con acompañamento policial. No hospital localizouse haxix entre as súas pertenzas, instruíndose a correspondente acta por infracción á Lei de Seguridade Cidadá.
Desde o Concello sublíñase que estas actuacións son un exemplo do papel imprescindible que desempeña a Policía Local como corpo de proximidade, preparado para actuar con profesionalidade, eficacia e humanidade ante situacións moi diversas, moitas delas de carácter asistencial e social.

