Miguel Fernández preside a toma de posesión dun novo axente que se incorpora á Policía Local de Lugo en permuta

O novo policía, procedente de Monforte de Lemos, reforzará o corpo municipal.

“Incorpóraste a un dos corpos mellor valorados de Galicia, cun prestixio asentado e unha vocación de servizo público exemplar”, destacou o alcalde.

Venres, 09 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández preside a toma de posesión dun novo axente que se incorpora á Policía Local de Lugo en permuta

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presidiu esta mañá na Casa do Concello o acto de toma de posesión dun novo axente da Policía Local, que se incorpora ao corpo mediante o sistema de permuta procedente do Concello de Monforte de Lemos. No acto estiveron presentes a concelleira da Área de Xestión Integral de Recursos Internos, Ana González Abelleira, os inspectores principais da Policía Local, José Manuel Río e José Luis Piñeiro, así como o secretario municipal, Justo Díaz Rodríguez.

Durante a súa intervención, o alcalde deu a benvida ao novo efectivo e puxo en valor a calidade profesional e humana da Policía Local de Lugo, destacando que se trata “dun corpo prestixioso, próximo, altamente recoñecido pola cidadanía e clave para que Lugo siga sendo unha cidade segura”.

Fernández subliñou que o novo axente “ten diante numerosos e bos exemplos dos que seguir aprendendo, profesionais cunha traxectoria consolidada que representan valores como a responsabilidade, a dedicación e o servizo público”. O rexedor trasladoulle ademais os seus parabéns pola incorporación e desexoulle éxito nesta nova etapa ao servizo da cidade.

O acto concluíu coa lectura do preceptivo xuramento ou promesa de cumprir fielmente as obrigas do cargo, quedando así formalizada a súa incorporación á Policía Local de Lugo.

Noticias relacionadas