Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 16 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Presunto quebrantamento de medida xudicial

Durante a mañá do venres, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio procedeu á detención dun individuo no Servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti. Os axentes procederon á detención tras comprobar que o home tiña en vigor unha orde de afastamento, con prohibición de comunicación, coa muller á que se atopaba acompañando nese momento. O home foi trasladado a dependencias policiais para a instrución das correspondentes dilixencias.

Presunta subtracción de roupa

Tamén durante a tarde do sábado, un indicativo de Policía de Barrio foi comisionado nun centro comercial da cidade, onde o servizo de seguridade privada localizara a un home que presuntamente subtraera unhas zapatillas de deporte nun dos establecementos, algo que lle recoñecera ao vixiante de seguridade. Os axentes procederon á identificación do mozo, realizándolle un cacheo superficial, durante o cal lle acharon tamén un pantalón e cinco unidades de roupa interior, comprobando que procedían doutro establecemento do centro comercial. A roupa foi devolta aos seus propietarios, que realizaron as valoracións económicas oportunas e foron informados do procedemento para seguir para formalizar denuncia polos feitos.

Danos en vehículo cunha pedra

Sobre as 23’00 horas do venres, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasládase ao Polígono Industrial do Ceao, onde un condutor desexa denunciar danos no seu turismo, sobre o que uns mozos lanzaron unha pedra. Os axentes contactan co requirente e proceden á identificación de dous menores presentes, os cales manifestan que eles non tiraron a pedra, achegando a identificación do menor que, segundo eles, faríao. Os policías contactan cos proxenitores dos menores, informándolles do sucedido, así como do procedemento para seguir a continuación.

Detención por presunto delito de atentado

Durante a noite do venres a sábado, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno que realizaba patrulla preventiva pola rúa Ángelo Colocci foi requirido por un cidadán, o cal realizaba preguntas incongruentes. Durante a conversación, na que os axentes tentaron pescudar se necesitaba algún tipo de axuda, o home comezou a insultar e ameazar aos axentes, polo que, ante esa situación, foi apartado da zona de circulación de vehículos, procedendo á súa identificación e a informarlle de que sería denunciado por unha presunta infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por falta de respecto e menosprezo aos axentes da autoridade.

Dúas horas máis tarde, o home acudiu ás dependencias da Policía Local, manifestando a súa intención de denunciar aos axentes actuantes, aínda que sen especificar o motivo, polo que foi informado de que, cando quixese presentar unha denuncia, habería de formalizalo por escrito e explicando os motivos. Instantes máis tarde, o mesmo individuo tenta acceder ás dependencias policiais forzando a porta de acceso, polo que é advertido da posible responsabilidade penal de continuar con esa actitude, ante o cal se abalanza sobre un dos axentes, tentando suxeitalo polo pescozo, polo que ten que ser reducido e detido, para ser trasladado de inmediato a un centro sanitario, onde foi avaliado e posteriormente a dependencias policiais para a instrución das correspondentes dilixencias.

Sobre as 00’05 horas do venres, a Sala do 092 recibe información sobre un vehículo circulando en sentido contrario pola rúa Flor de Malva. Os indicativos do Grupo Operativo Nocturno inician a procura e localizan o vehículo, cuxa condutora, de 23 anos de idade, é sometida as probas de alcol regulamentarias, lanzando na primeira un resultado de 1.12 mg/L. Cando a muller ía ser sometida á segunda proba arremeteu contra os axentes, polo que tivo que ser detida e trasladada a dependencias policiais.

Detención por presunto allanamento

Sobre a 1’30 horas do venres, a Sala do 092 recibe información dunha muller que manifesta que alguén entrou na súa casa, polo que se comisionan no lugar varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno. Os axentes contactan coa requirente, que lles informa que escoitara ruídos e, posteriormente, viu polo menos unha persoa que accedera á vivenda a través do baixo, fracturando un cristal da porta de entrada.

Organízase de inmediato un dispositivo de procura e os axentes localizan a dous home ocultos na parte traseira do predio, comezando a fuxida por zona de predios e hortos, facendo caso omiso aos avisos de “Alto Policía”, ata que finalmente foron interceptados na Avd. República Arxentina, procedéndose á súa detención e posterior traslado a dependencias policiais para a instrución de dilixencias. 

Noticias relacionadas