No servizo de Facenda Local figuran matriculados este ano un total de 72.237 vehículos que tributan 5’7 millóns de euros ás arcas municipais.
A edil de Gobernanza anima á cidadanía a consultar as bonificacións ás que poden acollerse e a domiciliar en sede electrónica o recibo para simplificar a tramitación.

A área de Gobernanza lembrou hoxe que o período voluntario de pago do Imposto de Circulación continúa aberto até o próximo 20 de outubro, segundo establece o calendario fiscal municipal.
Paula Alvarellos sinalou que o Servizo de Facenda Local recoñeceu, neste 2021, un total de 72.237 vehículos que tributan ás arcas municipais 5.756.180 euros. “O que converte a rodaxe no segundo imposto municipal máis cuantioso, logo do IBI”.
Ademais, a responsable da área económica do Concello de Lugo convidou á cidadanía a informarse sobre as bonificacións que existen actualmente e ás que poden acollerse para diminuír o importe do tributo.
“Entre os descontos figura unha rebaixa de até o 75% da cota durante tres anos para as persoas propietarias de turismos menos contaminantes como híbridos ou aqueles que empreguen un combustible de baixa incidencia para o medio ambiente (motor eléctrico e/ou emisións nulas, biogás, gas natural, gas líquido, metano, metanol, hidróxeno, gasolina – gas, eléctrico-gasolina, etc)”, indicou Paula Alvarellos.
Igualmente, convidou á poboación a domiciliar os seus recibos dende a sede electrónica municipal (www.lugo.gal). Un procedemento informático habilitado o pasado mes de xuño que permite ás e aos contribuíntes realizar o trámite dunha maneira áxil e sinxela, sen necesidade de aportar ningún tipo de documentación.
“O principal requisito que esixe este sistema é estar en posesión de certificado dixital”, recordou a concelleira que apuntou, entre as vantaxes de empregar a vía telemática, unha maior dilixencia en todo o proceso e que non resulta necesario aportar documento algún. “O único que cómpre facer é asinar unha declaración responsable confirmando a titularidade, ou a autorización da/do titular, da conta bancaria que se facilita”, concluíu Alvarellos Fondo.