Ana Abelleira participa na inauguración oficial do Tour do Talento 2023, que chegará en maio a Lugo para potenciar o talento da mocidade

A edil asistiu este luns ao acto inaugural en Zaragoza no que participaron representantes das cinco cidades seleccionadas pola Fundación Princesa de Girona para acoller esta iniciativa.

 
Luns, 20 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ana Abelleira participa na inauguración oficial do Tour do Talento 2023, que chegará en maio a Lugo para potenciar o talento da mocidade

A tenenta de alcaldesa e edil de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, participou este luns en Zaragoza na inauguración oficial do Tour do Talento 2023, que celebrará a súa primeira parada na cidade maña dende hoxe e ata o vindeiro venres. A iniciativa, impulsada pola Fundación Pricesa de Girona, celebrarase en Lugo do 2 ao 7 de maio e incluirá unha ampla axenda de eventos e talleres sobre temas de máxima actualidade centrados na mellora da empregabilidade e o desenvolvemento profesional, competencial e persoal da mocidade, en formatos disruptivos e innovadores, e fomentando a participación e o networking.

Lugo foi a única cidade galega seleccionada para acoller esta xira e unha das cinco onde se desenvolverá en toda España. As outras catro son Zaragoza, Valladolid, Córdoba e Girona. O obxectivo desta iniciativa é impulsar e conectar o talento dos mozos e mozas do país. O acto inaugural deste luns estivo presidido polo rei Feilpe VI e nel participaron representantes dos cinco municipios anfitrións.

O goberno de Lara Méndez está a traballar cos axentes sociais do municipio na programación do Tour en Lugo. Con esta finalidade, o executivo municipal mantivo reunións cos diferentes asociacións e entidades lucenses para avanzar na axenda do evento, que incluirá conferencias, talleres, exposicións e unha ampla oferta de contidos formativos, de desenvolvemento persoal e de ocio dirixidos, principalmente, á xuventude.

Noticias relacionadas