A Alcaldesa participa na inauguración dunhas xornadas sanitarias que reúnen en Lugo a 150 profesionais de España e Portugal

Xoves, 21 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa participa na inauguración dunhas xornadas sanitarias que reúnen en Lugo a 150 profesionais de España e Portugal

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves na inauguración da primeira xornada precongresal do 21 Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria, que reúnen en Lugo entre hoxe e mañá a uns 150 profesionais sanitarios de España e Portugal para abordar programas de integración asistencial. No acto estivo presente o Conselleiro de Sanidade, José Vázquez Almuiña, o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Cervo e Monforte, e presidente do congreso, Ramón Ares, o presidente da Asociación Nacional de Directivos de Enfermería (ANDE), Jesús San Villarejo, e a directora de Proceso de Enfermería da EOXI de Lugo e vicepresidenta do congreso, María Jesús Pérez Taboada.

A rexedora mostrou a súa satisfacción porque se celebren estas xornadas na cidade e tamén porque o Congreso Nacional de Hospitais teña lugar o vindeiro ano por primeira vez na comunidade galega, recalcando que a posta en común e intercambio de coñecementos que levan consigo estes encontros “reverten beneficiosamente no conxunto da sociedade”.  Destacou a calidade asistencial do HULA, que acreditan os continuos recoñecementos que recibe, poñendo como exemplo o premio Best in Class a Medicina Interna como o mellor servizo de España na súa especialidade pola excelencia na atención e asistencia aos pacientes e a certificación de Cardioloxía como unidade excelente no manexo do síndrome coronario. Tamén recalcou o compromiso do Concello cunha sanidade pública, universal e gratuíta. Ademais, convidou aos participantes a aproveitar a súa estancia con motivo das xornadas para coñecer Lugo, o seu patrimonio cultural, histórico, natural e gastronómico, e tamén as súas xentes, e a volver “para gozar da cidade con máis calma e en plenitude”.

Noticias relacionadas