
Cristina López e Maite Ferreiro participaron esta mañá na 1ª Andaina solidaria organizada pola Asociación Cardiolóxica Lucense (ACARLU), unha iniciativa aberta á veciñanza que combinou a promoción de hábitos de vida saudables cun paseo polo casco histórico da cidade.
A actividade partiu da Praza de Abastos e contou cun percorrido guiado polo guía turístico lucense Guido Guía, servindo tamén para visibilizar o labor que desenvolve ACARLU no apoio ás persoas con doenzas cardíacas e na promoción da saúde.
A concelleira de Participación, Cristina López, destacou a importancia de “colaborar co tecido asociativo de Lugo en iniciativas coma esta, que contribúe a mellorar a saúde das persoas afectadas por enfermidades cardíacas”. López lembrou ademais que a Praza e o Mercado Municipal están abertos á participación da veciñanza e das asociacións para a organización de diferentes actividades, co obxectivo de facer destes espazos públicos lugares referenciais.



