Rubén Arroxo anuncia a renovación do contrato para suministrar EPIs ao persoal do Cemiterio e do Mercado

A Xunta de Goberno aprobou tamén o convenio coa AGADIC para a programación cultural do segundo semestre do 2025.

Arroxo: "Seguimos a traballar para mellorar os servizos públicos do Concello".

Mércores, 10 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo anuncia a renovación do contrato para suministrar EPIs ao persoal do Cemiterio e do Mercado

O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, deu conta dos asuntos aprobados hoxe na Xunta de Goberno, entre os que se inclúen a renovación do contrato de material de protección individual para o persoal do Mercado e do Cemiterio e o convenio coa AGADIC para traer novas actividades culturais ao auditorio Gustavo Freire.

O tenente de Alcalde anunciou a contratación do subministro de equipos de protección individual (EPIs) destinados ás persoas traballadoras do recinto do cemiterio de San Froilán e do Mercado Municipal, un contrato que “permitirá garantir as condicións adecuadas de seguridade laboral do persoal que traballa en servizos municipais fundamentais”. O contrato terá unha duración dun ano, con posibilidade de até cinco prórrogas, e conta cun orzamento base de licitación de 9.121,21 euros. “Inclúe material de protección como botas, luvas, máscaras e outros elementos necesarios para o día a día das traballadoras e traballadores municipais”, sinalou o tenente de Alcalde.

En canto ao convenio coa AGADIC, Arroxo destacou que “este acordo cultural fai posible que Lugo continúe a ser un referente na programación cultural, con propostas de calidade para todo tipo de públicos”. O convenio supón unha achega de 42.454 euros por parte do Concello, e permitiu traer ao Gustavo Freire un total de 13 actividades durante o segundo semestre de 2025, que inclúen espectáculos de danza, teatro para público adulto e tamén actividades pensadas para o público infantil.

Rubén Arroxo explicou que neste semestre o auditorio Fuxan os Ventos non formou parte da Rede porque, “cando se iniciou a tramitación do convenio, a comezos do 2025, o novo espazo cultural aínda estaba comezando a súa actividade e non se atopaba plenamente operativo”. Con todo, engadiu, que “a partir de 2026 tanto o Gustavo Freire como o Fuxan os Ventos pasarán a estar integrados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, ampliando así a capacidade cultural de Lugo”.

Audio

  • O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre a Xunta de Goberno | Descargar mp3

Multimedia

  • Rubén Arroxo anuncia a renovación do contrato para suministrar EPIs ao persoal do Cemiterio e do Mercado
  • Rubén Arroxo anuncia a renovación do contrato para suministrar EPIs ao persoal do Cemiterio e do Mercado

Noticias relacionadas