Miguel Fernández recibe aos representantes da Asociación Cardiolóxica Lucense (ACARLU) na Casa do Concello

O encontro serviu para coñecer o labor da entidade na prevención das enfermidades cardiovasculares e reforzar a colaboración institucional en materia de saúde e benestar.

“O traballo de ACARLU é un exemplo de compromiso cívico e de solidariedade, que contribúe a facer de Lugo unha cidade cada vez máis cardiosaudable”, destacou o alcalde.

Luns, 10 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández recibe aos representantes da Asociación Cardiolóxica Lucense (ACARLU) na Casa do Concello

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu na Casa do Concello aFrancisco VillanuevaeCarmen Basadre, presidente e vicepresidenta da Asociación Cardiolóxica Lucense (ACARLU), nun encontro de carácter institucional no que se abordaron as principais liñas de acción da entidade e o seu papel na promoción da saúde cardiovascular.

Durante a reunión, os representantes de ACARLU explicaron as iniciativas que desenvolven para fomentar hábitos de vida saudables, ofrecer apoio ás persoas con enfermidades cardíacas e divulgar coñecementos básicos de prevención e primeiros auxilios, mediante cursos, charlas e campañas de sensibilización. A asociación, formada por persoas que superaron patoloxías cardíacas, traballa tamén para visibilizar a importancia da rehabilitación e do coidado emocional tras un evento cardiovascular.

Miguel Fernández puxo en valor a colaboración permanente entre o Concello e o tecido asociativo lucense, sinalando que “a implicación de entidades como ACARLU é esencial para fortalecer o noso modelo de cidade solidaria, participativa e comprometida co benestar común”.

O rexedor lembrou ademais que Lugo é hoxe a cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular, con 67 desfibriladores públicos distribuídos en rúas, prazas, centros sociais, deportivos e culturais, dentro do programa municipal Lugo con Corazón. “A nosa cidade está a converterse nun referente de prevención e resposta ante emerxencias cardíacas, e iso é froito da implicación da veciñanza, das entidades e do compromiso institucional”, afirmou.

Fernández concluíu agradecendo “a entrega e o exemplo de ACARLU, que representa á perfección o espírito de superación, axuda mutua e responsabilidade compartida que queremos seguir promovendo en Lugo”.

Noticias relacionadas