O alcalde denuncia que, máis de tres meses despois da solicitude formal, nin Educación nin Sanidade recibiron ao Concello, nun xesto de clara falta de respecto a comunidade educativa, ao colectivo sanitaria e a cidadanía lucense.
“Hoxe mesmo comuniqueime formalmente de novo cos tres organismos para solicitar unha xuntaza urxente. Lugo non pode seguir soportando a desatención nin a incerteza sobre o seu futuro educativo e sanitario”, sinalou Fernández.
O rexedor reclama compromiso político e planificación real para garantir a continuidade e independencia da Escola de Enfermaría lucense, esencial para o sistema sanitarios anivel lcoal, provincial e autonómico.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, denunciou hoxe a falta de resposta e de compromiso da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela coa Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, asegurando que “a incerteza e a desatención institucional están poñendo en risco o futuro a medio e longo prazo dunha das principais referencias formativas e sanitarias da nosa cidade”.
Fernández lamentou que, máis de tres meses despois da solicitude formal de reunión cos conselleiros de Educación e Sanidade, ningún deles se puxera en contacto co Concello para abordar esta cuestión, que cualificou de “fundamental para o presente e o futuro da sanidade lucense”. “O silencio da Xunta e do reitor da USC resulta canto menos preocupante e está xerar unha incertidume innecesaria a nivel social, docente, profesional e institucional”, asegurou.
O rexedor explicou que o Concello leva tempo pedindo un compromiso firme para garantir a continuidade da Escola e preservar a súa independencia académica, fronte á inacción autonómica. “A cidade de Lugo non pode permitirse perder unha institución que forma a centos de profesionais sanitarios e que contribúe de maneira directa ao noso sistema público de saúde”, afirmou.
Fernández tamén criticou a falta de avances por parte do reitor da USC, lembrando que “tras un primeiro encontro mantido en xullo, no que se comprometeu a estudar as propostas do Concello, non houbo nin reunións técnicas nin comunicación algunha que permita vislumbrar un avance”.
Hai que lembrar que xa no mes de xullo o Concello solicitou formalmente a creación dunha mesa de diálogo coa Xunta e coa USC, co obxectivo de definir o futuro da Escola de Enfermaría de Lugo, garantir a súa continuidade e asegurar os recursos necesarios para o seu funcionamento. “Advertimos daquela que a falta de planificación podía derivar nunha situación de incerteza como a actual, e, por desgraza, o tempo está a darnos a razón”, engadiu o alcalde.
O rexedor insistiu en que “Lugo merece respecto, planificación e compromiso, non silencio nin improvisacións”. Subliñou que o Concello “sempre actuará con lealdade institucional e coa man tendida para colaborar, pero esa lealdade debe ser recíproca e efectiva”.
Finalmente, Fernández fixo un chamamento á Xunta e á USC para que retomen o diálogo, dean garantías de continuidade á Escola de Enfermaría e poñan en marcha un plan estable de apoio á formación sanitaria pública en Lugo. “Hoxe mesmo, comuniqueime de novo con estes tres organismos para solicitar un xuntaza urxente. A cidadanía lucense non pode seguir soportando a desatención institucional nin a incerteza constante sobre o seu futuro educativo e sanitario”, concluíu o alcalde.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a Escola de Enfermería| Descargar mp3

