O Goberno local culmina un expediente rigoroso para poñer os terreos a disposición da Consellería de Sanidade e permitir que o proxecto sanitario avance.
O Concello actúa con responsabilidade e compromiso coa veciñanza para desbloquear unha actuación estratéxica para o barrio.
“Facemos o que nos corresponde como Concello: avanzar, cumprir e garantir que non haxa escusas para que un centro de saúde necesario poida saír adiante”, sinalou o alcalde, Miguel Fernández.

O Concello de Lugo levará este mércores á Xunta de Goberno Local a aprobación definitiva do expediente de expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón, un paso clave para poñer o solo a disposición da Consellería de Sanidade e permitir que avance a construción do novo centro de saúde comprometido para o barrio. Trátase dunha decisión orientada a desbloquear unha situación que se prolongou no tempo pola falta de dilixencia do Goberno autonómico na busca dunha ubicación para este equipamento, e a dar seguridade a un proxecto esencial para a atención sanitaria da veciñanza.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que o Goberno local culmina así un proceso complexo, desenvolvido con rigor técnico e xurídico, co obxectivo de cumprir cos compromisos adquiridos coa cidadanía. “O Concello actuou con responsabilidade, dialogando e esgotando todas as vías posibles, pero tamén asumindo que cando un proxecto estratéxico non avanza, hai que tomar decisións para defender o interese xeral”, explicou. Fernández insistiu en que a prioridade é clara: “Non perder máis tempo e garantir que a cidade conte cun centro de saúde que leva anos sendo unha demanda do barrio”.
O expediente que se someterá á aprobación da Xunta de Goberno Local fixa un xusto prezo total de 726.710,87 euros, incluíndo o premio de afección, para unha parcela de máis de 5.600 metros cadrados de solo e preto de 4.400 metros cadrados construídos, cualificada no Plan Xeral como equipamento público. Trátase da única parcela do barrio que reúne as condicións urbanísticas necesarias para albergar este tipo de dotación sanitaria, o que lle confire un carácter claramente estratéxico.
A expropiación tramitouse polo procedemento de taxación conxunta, seguindo todos os pasos previstos na normativa vixente. O expediente foi aprobado inicialmente en outubro de 2025, sometido a información pública e obxecto de alegacións por parte da propiedade, que foron analizadas polos servizos técnicos municipais. Tras a emisión dos informes correspondentes, o Goberno local considera que o procedemento está plenamente maduro para a súa aprobación definitiva.
O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, subliñou que este paso permitirá avanzar con seguridade xurídica e deixar o solo preparado para o desenvolvemento do proxecto sanitario. “O Concello cumpre coa súa parte e actúa con rigor para desbloquear unha actuación necesaria para o barrio e para o conxunto da cidade”, sinalou, lembrando que a posta a disposición dos terreos é unha condición imprescindible para que a obra poida avanzar.
Desde o Goberno local incídese en que, unha vez culminado este trámite, non debería existir ningún impedimento para que a Consellería de Sanidade avance na execución do centro de saúde. O Concello reafirma así a súa vontade de colaboración institucional, pero tamén a súa determinación para cumprir cos compromisos adquiridos coa veciñanza.
“O Concello cumpre coa súa parte, actúa con responsabilidade e toma decisións para que a veciñanza non siga esperando por unha infraestrutura sanitaria esencial. Facemos o que nos corresponde para que o centro de saúde do Sagrado Corazón poida avanzar e converterse nunha realidade canto antes”, concluíu o alcalde.
Audio
- O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, sobre o novo centro de saúde | Descargar mp3

