A conferencia “Mulleres e locura: as tolas que non o eran”, a cargo da historiadora Carmen V.Valiña, terá lugar o vindeiro xoves, no Vello Cárcere, a partir das 19.00 horas.

A área de Muller e Igualdade do Concello de Lugo organiza para este xoves, día 30, a charla “Mulleres e locura; as tolas que non o eran”, a cargo da doutora en Historia Contemporánea e profesora na Universidade Miguel de Cervantes (UEMC), Carmen V.Valiña. Esta conferencia abordará, desde ás 19.00 horas no auditorio do Vello Cárcere, os vínculos entre as mulleres, o control social e a construción da loucura na época contemporánea. O seu obxectivo é amosar, con exemplos reais tomados do Manicomio de Conxo, en Santiago de Compostela, como a psiquiatría foi unha ferramenta de control para moitas mulleres, que, debido á súa natureza disidente (nais solteiras, alcohólicas, etc.), non se axustaban aos estándares de xénero da súa época.
Na conferencia a autora do libro “As tolas que non o eran” (Galaxia, 2025) tratará de arroxar luz sobre o que converteu a unha muller en tola ao longo da historia; analizar a loucura e a psiquiatría en Galicia, con Conxo como o gran manicomio do noroeste peninsular, entre 1885 e 1936; abordar cal era o perfil maioritario destas mulleres, con referencias a expedientes concretos da provincia de Lugo, para achegar a súa realidade ao público, e explicar cal era o control nos séculos XIX e XX que se exercía a través da psiquiatría ás consideradas como mulleres incómodas.
A charla, que terá aproximadamente unha hora de duración, ten entrada libre e gratuíta ata completar aforo, e está organizada polo Servizo de Igualdade e a Casa da Muller do Concello de Lugo, dependentes da área de Muller e Igualdade, que dirixe a concelleira Ángeles Novo.

