O Pleno do Concello de Lugo aproba a proposta socialista en defensa da independencia da Escola de Enfermaría, coa abstención do PP

Olga López Racamonde critica que o grupo popular prefira apoiar á Xunta e o protocolo establecido polo Goberno galego rexeitado polos colectivos sanitarios e docentes, antes que respaldar os intereses da cidade.

O alcalde, Miguel Fernández,  considera fundamental garantir o futuro da escola e avanzar cara á súa conversión en facultade independente pola súa repercusión sobre a realidade social e sanitaria non só do municipio senón de toda a provincia.

A proposta insta á Xunta de Galicia e á USC a manter e reforzar a autonomía da Escola de Enfermaría de Lugo e evitar que se convirta de forma permanente nunha sección da facultade de Santiago.

Xoves, 31 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Pleno do Concello de Lugo aproba a proposta socialista en defensa da independencia da Escola de Enfermaría, coa abstención do PP

O Pleno do Concello de Lugo aprobou hoxe a proposta presentada polo grupo municipal socialista en defensa da independencia da Escola de Enfermaría da cidade. A moción saíu adiante coa maioría do Pleno, malia a abstención do grupo municipal do Partido Popular, que decidiu non apoiar unha iniciativa que reclama á Xunta de Galicia e á Universidade de Santiago de Compostela o compromiso firme coa autonomía da escola e coa súa continuidade como centro docente plenamente funcional na cidade.

Durante a defensa da proposta, a concelleira socialista Olga López Racamonde afeou a actitude do PP local, que “unha vez máis se pon de lado e prefire mostrar o seu apoio á Xunta de Galicia antes que á cidadanía lucense”. A portavoz municipal lamentou que os populares “sexan incapaces de defender un recurso educativo esencial para Lugo, mesmo cando está en xogo o futuro da formación en enfermaría e o acceso de centos de mozos e mozas a estudos superiores no ámbito sanitario”.

A moción aprobada insta a garantir a continuidade da Escola de Enfermaría de Lugo como centro independente e con identidade propia, con capacidade para adaptarse á realidade sanitaria e social da provincia. Ademais, solicita que se dean os pasos necesarios para a súa futura conversión nunha facultade autónoma dentro do sistema universitario galego.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou que “garantir o futuro da Escola de Enfermaría e avanzar cara á súa independencia é unha prioridade para este Goberno. Queremos consolidar a formación sanitaria en Lugo cunha oferta educativa de calidade, adaptada á realidade do noso territorio, e cunha estrutura autónoma que permita mellorar a súa capacidade docente e investigadora”.

“Temos moi claro que a Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo ten que manter a súa autonomía. Convertela nunha sección da Facultade de Enfermaría de Santiago debilitaría o noso campus e poría en risco o futuro desta escola. Ademais, suporía perda de peso para Lugo e afastaría a formación da realidade sanitaria e tamén social non só da cidade, senón de toda a provincia. Temos solicitadas reunións cos conselleiros de Sanidade e Educación pero fixeron caso omiso da nosa demanda. Poideos avanzar únicamente con reitor da USC, pero seguiremos insisitindo”, insistiu.

“Imos liderar esta reivindicación defendendo unha escola con alto niveis educativos que leva décadas formando profesionais sanitarios e que é clave para o sistema público de saúde na provincia. Porque defender a nosa escola é defender a cidade, é defender a universidade e é defender o noso campus”, apuntou.

Audio

  • A concelleira, Olga López Racamonde, sobre o Pleno | Descargar mp3

Multimedia

  • O Pleno do Concello de Lugo aproba a proposta socialista en defensa da independencia da Escola de Enfermaría, coa abstención do PP

Noticias relacionadas